O traballo conxunto entre Deputación, Concello e veciñanza de Meis consegue desbloquear a esperada mellora da mobilidade peonil na subida a Arcos

Cun investimento de 245.000 euros, o convenio será unha realidade para poder licitar xa as obras despois do esforzo da cidadanía que cedeu os terreos ao Concello

23/03/2022

A estrada provincial EP-9401, coñecida en Meis como a subida a Arcos, disporá por fin dunha senda peonil de 320 metros que garantirá a seguridade na totalidade desta vía tan utilizada pola veciñanza e que vén responder a unha demanda histórica dos e das habitantes da parroquia de San Tomé. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á alcaldesa, Marta Giráldez, e o deputado de Infraestruturas Gregorio Agís, visitou hoxe a zona onde se desenvolverá esta actuación, e destacou a colaboración co actual goberno municipal e da veciñanza para sacar adiante este proxecto.

O traballo conxunto de Deputación, Concello e veciñanza, que cedeu de forma gratuíta os terreos necesarios ao Concello, foron a clave para a esperada actuación na estrada que enlaza con outra provincial, a EP-9403, e tamén coa Autovía do Salnés, polo que rexistra un importante tránsito que facía necesario garantir a seguridade viaria das persoas que camiñan. O  proxecto conta cun orzamento total de 242.454 euros e será acometido no marco dun convenio no que a Deputación asume o 80% (193.963 euros) e o Concello achegará o 20% restante, aínda que o financiará co Plan Concellos, polo que, na práctica, será a institución provincial a que corra coa totalidade do investimento.

Carmela Silva incidiu en que este viario “precisaba unha actuación que se acomode ao territorio” baixo os parámetros do modelo de seguridade sostible e amable da Deputación, “a fin de que a xente poida ocupar o espazo e teñan prioridade as persoas por riba dos vehículos”. Subliñou que a transformación “vai ser moi relevante”, tanto pola seguridade que vai supoñer a construción da senda, como pola retirada “do feísmo das redes eléctricas e de telecomunicacións, amais das cuestións que teñen que ver co cumprimento dos parámetros medioambientais”. Lembrou que se trata dunha actuación “que deu moito traballo, porque había un proxecto que herdamos imposible de realizar”. Neste senso, agradeceu ao equipo da actual alcaldesa o “traballo colaborativo” e o “enorme esforzo” coa veciñanza para acadar as cesións necesarias (436,4 metros cadrados) coas que levar a cabo esta actuación. Apuntou que o Concello xa ten aprobado o convenio e a Deputación o fará en breve, de xeito que se iniciará canto antes o proceso de contratación e comezo das obras. “Esta é unha nova forma de facer as cousas onde hai sintonía entre os concellos e a Administración provincial, onde traballamos man a man e ao final a que sae beneficiada é a veciñanza –apuntou a presidenta-. Esta contorna vai cambiar moitísimo e as veciñas e veciños van vivir neste lugar tan fermoso con toda seguridade”.

Pola súa banda, Marta Giráldez tamén puxo en valor a xenerosidade da veciñanza á hora de facilitar os terreos de xeito voluntario e agradeceu á Deputación a súa axilidade para ter “adaptado este proxecto ao que se consideraba necesario. Quedou claro, engadeu, que non era tan complicado, senón doado, conseguir os terreos, e vemos que vai ser realidade esa demanda tan importante da subida a Arcos”. A alcaldesa confía agora en acadar “un convenio igual ou similar” coa Xunta para garantir a seguridade no seguinte tramo, “de xeito que a veciñanza poida cruzar a ponte por riba da autovía e chegar ao centro do Mosteiro con plena seguridade”. Neste senso, apuntou que xa se remitiron escritos e houbo unha xuntanza, de momento sen resposta, “pero espero que a Consellería sexa sensible unha vez que este tramo se vai executar”.

O proxecto

A actuación desenvolverase ao longo de toda a estrada (320 metros) e permitirá executar na marxe esquerda unha senda peonil de 2,5 metros de ancho en formigón coloreado, así como nos treitos inicial e final da mesma, creando un itinerario peonil cómodo e seguro. Executarase tamén a renovación do pavimento e, dado que o ancho actual da estrada é insuficiente, levarase a cabo o seu ensanche coa execución do paquete de firme completo nas zonas onde sexa necesario. Deste xeito, melloraranse as condicións de seguridade viaria para os peóns/as.

A seguranza viaria reforzarase tamén coa execución de tres pasos de peóns sobreelevados. Por outra banda, renovarase a sinalización horizontal e vertical e tamén se mellorará a drenaxe, canalizacións e arquetas para o soterramento das redes de baixa tensión e telecomunicacións e executarase dunha nova rede subterránea de alumeado público. Unha vez rematadas as obras, que teñen un prazo de execución de cinco meses, o viario terá unha velocidade máxima de 30 quilómetros por hora para garantir a seguridade e convivencia de vehículos e persoas.

videos