O Museo abre unha exposición Novos Valores 2022 “con voz de muller e unha equilibrada mostra de técnicas, visións persoais, inquietudes e reflexións sobre o mundo actual”

O director do Museo Xosé Manuel Rey reafírmase sobre a necesidade de “velar pola calidade dun certame de longa tradición a través dunha crecente esixencia”

07/07/2022

Novos Valores

O Museo de Pontevedra abriu hoxe a exposición da edición 2022 de Novos Valores cunha selección de 17 obras seleccionadas no concurso que teñen “voz de muller e unha equilibrada mostra de técnicas, visións persoais, inquietudes e reflexións sobre o mundo actual”. Así o asegurou o director do Museo Xosé Manuel Rey, quen subliñou a necesidade de “velar pola calidade dun certame de longa tradición a través dunha crecente experiencia”. 

Na inauguración participaron o director do Museo e a responsable de xestión Sonia Mateos, así como o integrante do xurado, xornalista cultural e membro do Consello Asesor do Museo Ramón Rozas, xunto ás persoas gañadoras das bolsas deste ano Eva Fandiño, Julia Gil Ordóñez, e familiares en representación de Borja Santomé Rodríguez e Teresa Búa Sambad, tamén beneficiarias dos premios provinciais pero que non puideron estar presentes por estaren no estranxeiro por motivos laborais.

O director do Museo destacou o seu desexo de que as bolsas de 7.500 euros que gañaron as e o creador seleccionadas sirvan para acrecentar a súa formación e o seu proxecto artístico. Lembrou que a promoción da obra completarase ademais coa programación dunha exposición destinada a amosar o resultado dos seus proxectos profesionais durante o ano da duración da bolsa.

Pola súa banda, o xornalista cultural Ramón Rozas destacou a “interesante” contía económica das bolsas, facendo unha chamada a creadoras e creadores para que o certame se siga a espallar e haxa participación aumente. “É importante que cada ano sexan máis os que se presenten e que cada ano nolo poñan máis difícil”, dixo.

Engadiu que para o xurado foi difícil decidir cales foron as pezas que debían conformar a exposición e presentarse ante o público cunha grande diversidade, xénero, formato e intención, e cales desas debían ter as bolsas. “Esa foi a dificultade máxima, pero esa complicación implica a existencia de calidade. As catro pezas gañadoras falan por si mesmas de xente que ten moito que dicir e agardamos con moito interese o que poidan engadir. Agardamos que fagan uso axeitado das bolsas”, finalizou.

A bolseira Eva Fandiño, gañadora coa peza ‘Herdanza de mulleres’ subliñou a súa emoción por recibir o premio, que para ela é unha “referencia” sendo da cidade de Pontevedra. Destacou que a súa obra, feita en cerámica Rakú, representa a contradición que o fogar ten para as mulleres por ser refuxio e tamén prisión na historia do feminismo.

Julia Gil Ordóñez (Rianxo) salientou tamén o “pracer” que supón ser bolseira gañadora do certame pola visibilidade que achega ás creadoras emerxentes e agradeceu ao Museo en xeral manter a convocatoria por ser un grande apoio para a xente moza. Destacou que o seu óleo ‘A ponte do Alén’ supón un dobre xogo, referíndose ao lugar que representa na imaxe, un viaduto sobre o río en Covelo, xunto ao xogo de palabras falando da ponte como nexo entre o mundo real e a lenda e a fantasía do folclore galego, a maxia e a atmosfera que se vive en calquera fraga ou monte galego.
A representante de Borja Santomé (Nigrán), gañador da bolsa por ‘Sabor amargo’ agradeceu no nome do autor a bolsa e subliñou que a peza gañadora “está en proceso”. Destacou que se trata dun audiovisual como os moitos que Santomé leva feitos dende que rematou a carreira e que reflexa o desexo de fuxir do urbano, da cidade, cara a natureza e o espiritual, “buscando outra vía vital que non se atopa na cidade”.

Finalmente, a nai de Teresa Búa (A Coruña) leu unhas palabras enviadas pola autora para falar da peza ‘Persoa Ola (Maternidade 2)’, unha instalación que mestura encaixes artesáns, deseño téxtil, impresión 3D, e sons, os choros das súas fillas xemelgas de seis meses. Coa obra, Búa asegurou que pretendía facer confluír dous proxectos anteriores nos que se abordaba a deconstrución do xénero facendo florecer apariencias ‘fluídas’ e tamén o autocoñecemento como “persoa que ten útero” e capaz de xestar e xerar vida.

A exposición coas 17 pezas seleccionadas polo xurado manterase aberta ata o 11 de setembro no Edificio Sarmiento.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 10 resultados.