Seleccionadas as 20 obras finalistas do certame ‘Novos Valores’ do Museo

O xurado elixirá o 10 de xuño as catro obras gañadoras das bolsas

13/06/2023

O certame de Artes Plásticas Novos Valores do Museo de Pontevedra xa conta coas obras finalistas da edición de 2023. Entre as 50 obras aceptadas no concurso, o xurado seleccionou 20 creacións con técnicas diversas: fotografía, pintura, escultura, pezas de costura, vídeo creación, debuxo, instalacións e varias obras con técnica mixta.

O xurado fórmano José Manuel Rey García, director do Museo de Pontevedra, que exerceu como presidente; María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Ramón Rozas Domínguez, xornalista cultural e crítico de arte; Susana González Martínez, directora da colección de arte da Fundación María José Jove; Carmen Nogueira Alonso, artista e doutora en Belas Artes (Universidade de Vigo); e Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, conservadora de fondos xerais do Museo de Pontevedra.

As pezas seleccionadas presentáronse de maneira anónima co formato de ‘adianto fotográfico’. Nese adianto incluíronse ata cinco fotografías da creación; unha memoria da obra coa súa ficha técnica (título, técnica, medidas, ano de realización) e a súa descrición; un informe cos traballos desenvolvidos para coñecer a traxectoria artística; e a presentación, detallada e expresa, da finalidade ou do destino formativo para o que se concorre á bolsa.

Unha vez seleccionadas as vinte finalistas, as e os artistas terán que enviar as obras orixinais, que se instalarán no claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, onde se celebrará a exposición desta edición. Alí as verá o xurado o próximo 10 de xullo, xa expostas, para decidir cales gañan as catro bolsas de 7.500 euros para que as e os artistas amplíen os seus estudos artísticos. As catro gañadoras das bolsas e as outras 16 finalistas conformarán a mostra ‘Novos Valores 2023’, que estará aberta ao público do 13 de xullo ao 17 de setembro.

Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas, seguindo o labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis que se vén a realizar de maneira histórica dende a segunda metade do século XIX.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.