Tui acolle o 22 e 23 de xuño un Foro de Mobilidade Transfronteirizo para reclamar un “tren do Miño”

Está prevista unha declaración institucional cun manifesto a favor Da posta en marcha dun ferrocarril local transfronteirizo

12/06/2023

A Deputación Provincial de Pontevedra, en colaboración coa Fundación CEER (Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal), celebrará os próximos días 22 e 23 de xuño en Tui unhas xornadas sobre o ferrocarril transfronteirizo entre Galicia e o norte de Portugal baixo a denominación ‘Forum de Mobilidade Transfronteiriza do Río Miño: O Ferrocarril Do Miño. Unhas Proximidades Ferroviarias Trasfronterizas’.

Desde un punto de vista técnico, preténdese aprender de experiencias internacionais de éxito para impulsar unha rede ferroviaria transfronteiriza e un servizo de proximidade entre Vigo e Viana do Castelo (Norte de Portugal), co fin de facilitar a mobilidade diaria das persoas habitantes dun territorio con centos de milleiros de veciñas e veciños, en torno ao río Miño.

Contará coa presenza de técnicos de transporte e mobilidade de varias zonas transfronteirizas onde se están desenvolvendo casos de éxito en Europa. Tamén participarán diferentes persoas académicas galegas e portuguesas especialistas en materia ferroviaria.

En canto á acción institucional, nas xornadas participarán representantes de diferentes organismos públicos do ámbito eurorrexional, estatal (español e portugués) e galego. Do mesmo xeito, participarán axentes e actores institucionais que traballan pola modernización do ferrocarril no espazo transfronteirizo miñoto.

O obxectivo é sumar sinerxias a favor de servizos ferroviarios transfronteirizos que sexan útiles no día a día da poboación a ambos os dous lados do ferrocarril. Como conclusión está prevista unha declaración institucional cun manifesto a favor dun ferrocarril local transfronteirizo.

Este evento organizado pola Deputación e o CEER- entidade que agrupa ás seis universidades da comunidade autónoma de Galicia e do norte de Portugal -, conta con financiamento FEDER a través do proxecto SMART MIÑO + , proxecto da 6º convocatoria do POCTEP 2014-2020. Colaboran o Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial Río Minho (AECT Rio Minho) e a Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Minho.

A inscrición para as persoas interesadas está aberta na páxina web da Deputación de Pontevedra depo.gal . As xornadas terán lugar en horario de mañá no Parador de Turismo de Tui.

Mesas de traballo

O foro de mobilidade estará dividido en varias mesas de traballo. Na primeira xornada a primeira será ‘O Ferrocarril Eurorrexional no contexto europeo’, na que se exporá que o ferrocarril do Miño é unha peza estratéxica na vertebración da fachada atlántica da Península Ibérica, xa que ocupa unha posición central entre as áreas metropolitanas do Porto e de Vigo. Por outra banda, correspóndese co principal paso da fronteira entre Galicia e o norte de Portugal, así como o máis transitado dos pasos fronteirizos entreos dous estados peninsulares.

A mesa buscará contextualizar o ferrocarril do Miño dentro das dinámicas institucionais e as políticas actuais. Participarán Josep Vicent Boira Maiques, comisionado do Goberno para o desenvolvemento do Corredor Mediterráneo en España en ADIF, Ministerio de Fomento; e José Antonio Sebastián Ruiz, comisionado do Goberno para o desenvolvemento do Corredor Atlántico en ADIF, Ministerio de Fomento

A segunda mesa será ‘É posible un tren de proximidade transfronteirizo? experiencias en Europa’, e trátase dun panel de experiencias europeas sobre a implantación de proximidades ferroviarias transfronteirizas, presentadas por técnicas e técnicos e xestoras e xestores destas, nos que se contrastan modelos de implantación e xestión. Participarán  Xavier Garcia, Dirección de Cooperación Euromediterránea. Servicio de Cooperación Europea. Liña ferroviaria Niza-Ventimiglia-Cúneo-Turín; e Matteo Berzi, investigador do Centro Común de Investigación, da Comisión Europea, EU Science Hub. Ispra (Italia). ‘Os servizos ferroviarios transfronteirizos entre España e Francia’.

No segundo día a primeira cita levará o título de ‘As proximidades ferroviarias no territorio do Río Miño’. O obxectivo desta mesa é propoñer e reivindicar uns novos servizos de mobilidade ferroviaria transfronteiriza entre Vigo e Viana do Castelo, arredor do río Miño. Trátase dun territorio fortemente cohesionado e cunhas intensas dinámicas de mobilidade internas e o ferrocarril transfronteirizo permitiría unha maior oferta de mobilidade pública, sostible e de calidade para a poboación.

Participan Álvaro Costa, profesor da Facultade de Enxeñería da Universidade do Porto e investigador en transporte; Miguel Pazos Otón, profesor de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela; António Cruz, consultor, relator no seminario Conectividade e Accesibilidade Territorial Transfronteiriza, organizado por CIM Alto Minho en abril de 2022; unha persoa representante de Renfe ou do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana;  e outra representante do Operador Ferroviario Portugués ou do Ministerio de Infraestruturas de Portugal.

Posteriormente haberá un debate con Antón Conde, secretario das Comisións Obreiras do Sector Ferroviario de Renfe-ADIF de Pontevedra; unha persoa representante da Confederación Empresarial do Alto Minho (CEVAL) de Portugal; e
outra representante da Cámara de Comercio de Tui.

Enlaces de interés

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.