Luis López avalía co reitor Manuel Reigosa as vías de colaboración entre a Deputación e a Universidade de Vigo

Ambos os dirixentes mantiveron unha reunión de traballo este martes no Pazo provincial para analizar asuntos de interese mutuo e plans de futuro para ambas as institucións

05/03/2024

Reunión de Luis López co reitor Manuel Reigosa

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, mantivo este martes un encontro de traballo co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, para analizar novas vías de cooperación entre ambos os organismos, avaliar os programas en marcha e estudar plans de futuro de interese mutuo.

Nun encontro marcado polo ton cordial e construtivo e no que participaron a vicerreitora do Campus de Pontevedra, Eva Lantarón; e a de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini, o mandatario provincial amosou a súa vontade para seguir cooperando coa Universidade en eidos coma igualdade, benestar social, fomento do emprego, normalización lingüística ou cultura, entre outros asuntos.

A cooperación leal e a comunicación fluída seguirá a rexer a relación entre ambas as institucións, que seguirán mantendo contacto constante co obxectivo de ofertar titulacións e actividades de interese para mellorar a formación das e dos estudantes da provincia e, ao mesmo tempo, fomentar a apertura da Universidade de Vigo cara á cidadanía.