Luis López referenda o compromiso coa Universidade de Vigo e anuncia un investimento de 165.000 euros para impulsar proxectos conxuntos no 2024

Trátase de 80.000 € para financiar iniciativas investigadoras, 55.000 para o impulso da especialización do Campus CREA e outros 30.000 para proxectos conxuntos entre a UVigo e a empresa

11/03/2024

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar un investimento de 165.000 euros para impulsar proxectos conxuntos coa Universidade de Vigo (UVigo) neste 2024. En liñas xerais, tal e como comunicou o presidente provincial por carta remitida esta mesma mañá ao reitor da citada institución académica, Manuel Reigosa, logo da reunión mantida a semana pasada no Pazo provincial da Deputación, trátase de 80.000 euros para o financiamento de iniciativas investigadoras, 55.000 para o impulso do Campus CREA e outros 30.000 para proxectos conxuntos entre a UVigo e a empresa.

Por unha banda, tal  e como detallou López, o Goberno provincial destinará 80.000 euros ao financiamento de dez iniciativas investigadoras, que se distribuirán en 7.900 para cada un dos proxectos de investigación mais outros 1.000 para publicar os seus resultados. No que respecta á especialización do Campus CREA, destinaranse 55.000 euros, a través dos cales se contribuirá a organizar o I Congreso Internacional CREA (20.000) e a Semana da Creatividade (15.000), así como se potenciará o seu programa de doutoramento (10.000) e a liña de axudas predoutorais para desenvolver investigacións vinculadas á especialización de CREA e do seu programa de doutoramento (10.000).

Finalmente, o presidente da Deputación tamén anunciou outros 30.000 euros para financiar cinco propostas de proxectos conxuntos entre a UVigo e o mundo da empresa enmarcados en convocatorias de carácter europeo, nacional ou rexional, cun orzamento de 6.000 € por proxecto.