A “Ruta da Ciencia Areeiro” encandila ao público con visitas guiadas que amosan o valor científico, medioambiental e patriomonial da estación

Deputadas e deputados provinciais visitaron a EFA para coñecer de preto a colección de camelias, o Xardín de Pedro Mansilla ou a plantación de té a través dunha ruta distinguida co selo Observer de Turismo Científico

15/03/2022

Ruta da Ciencia Areeiro

Os xardíns da Estación Fitopatolóxica de Areeiro agochan tesouros de gran valor científico, medioambiental e patrimonial dos que centos de persoas desfrutan acotío da man da “Ruta da Ciencia Areeiro”. Tal é o éxito destas visitas impulsadas pola Deputación e que xa realizaron máis de 400 persoas, que as e os deputados provinciais Ana Laura Iglesias, Noemí Outeda, Raquel Giráldez, Manuel González, Gorka Gómez e Gregorio Agís non quixeron perder a ocasión de realizar dunha destas rutas coas que a Estación acadou o certificación Observer como destino de turismo científico, un fito que xa no 2020 lograra o Castelo de Soutomaior. Ao seu carón estiveron Maite Vence, a directora de Observer, e Carmen Salinero, xefa do servizo da EFA, quen fixo un repaso pola historia do centro e amosoulles as principais liñas de investigación nas diferentes áreas e seccións así como os servizos públicos dispoñibles.

Así, coñeceron de preto a colección de camelias, que conta con máis de 1.200 cultivares e 80 especies, a plantación de kiwis e o Xardín de Pedro Mansilla, onde nace un manancial que discorre canalizado e chega a un estanque no que medran diversas plantas acuáticas. Tamén percorreron o xardín de camelias figo, onde puideron desfrutar da colección máis grande deste tipo de camelias que existe no mundo fóra de Xapón, as plantacións de té, feixoas e de distintas especies de camelia. A visita tamén pasou polo xardín de aromáticas e polos laboratorios de fitopatoloxía nos que se levan a cabo investigacións que son parte fundamental dos labores que se desenvolven na Estación. A ruta rematou cunha degustación de té verde, un produto obtido a partir da camelia e elaborado en Areeiro.

A “Ruta da Ciencia Areeiro” busca achegar a Estación ao maior número de persoas a través de dous formatos. O primeiro deles está dirixido ao público en xeral e ás familias e conta con itinerarios diferenciados para o público adulto e infantil, dos que xa gozou o alumnado de centros como o CEIP Ardán (Marín) e o CEIP da Torre Cela (Bueu). O segundo itinerario está pensado para profesionais do eido científico e chega a adentarse nos laboratorios da Estación, tal e como fixeron alumnas e alumnos da Escola de Enxeñería técnica Forestal de Pontevedra ou da Escola Superior Agraria de Ponte de Lima. As persoas que desexen participar nunha destas visitas tan só teñen que realizar unha reserva no sitio web de Observer (www.observersciencetourism.com).

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 8 resultados.