Areeiro convértese no sexto xardín de excelencia internacional da camelia en España

Carmela Silva, que subliñou que este espazo e o Xardín Botánico de Shanghái son os únicos que este ano recibirán a distinción, louvou “o traballo único” do persoal de Areeiro, “que foi quen colocou á camelia como a flor desta comunidade” 

10/03/2023

XARDIN AREEIRO EXCELENCIA INTERNACIONAL

O xardín de camelias da Finca Areeiro xa é de excelencia internacional e súmase ao do Castelo de Soutomaior en obter esta distinción da Sociedade Internacional da Camelia que só posúen seis espazos en España e 60 no mundo. A entidade vén de recoñecer as excepcionais condicións, a calidade e o traballo da Estación Fitopatolóxica no coidado deste xardín da Deputación e entregará o galardón o vindeiro 28 de marzo no transcurso do seu congreso internacional, que este ano ten lugar no Lago Maggiore, na localidade de Vabeno. A presidenta provincial, Carmela Silva, cualificou de “excepcional” a noticia e enxalzou o “traballo único” do persoal da Finca, “porque realmente foi Areeiro quen realmente situou á camelia como a flor desta comunidade e, desde logo, como a flor das Rías Baixas cun traballo moi salientable”.

Carmela Silva destacou o feito de que cinco dos seis xardíns de excelencia da camelia están na provincia de Pontevedra e que neste 2023 só van recibir esta distinción o xardín de Areeiro e o do Xardín Botánico de Shanghái. “Son só dúas distincións no mundo e é algo para tomar conciencia e orgullo do que somos. É unha enorme alegría para esta administración provincial –indicou a presidenta- e é unha magnífica noticia á que hai que darlle a importancia que merece”. No caso do xardín do Castelo de Soutomaior, “o máis relevante e  o primeiro de España en acadar o recoñecemento” no 2012, vén tamén de renovar a excelencia, trámite que teñen que cumprir estes espazos cada dez anos. 

A colección de camelias de Areeiro está composta por 70 especies e 1.300 cultivares. A especie con máis exemplares plantados é a camelia xapónica, seguida da sinensis, sasanqua, reticulata  e híbridos, entre outras. As camelias distribúense por todo o xardín en 24 áreas, nas que se inclúen zonas de sasanquas, reticulatas, outra con camelias seleccionadas de antigos espazos galegos e portugueses e un área con camelias de diferentes países.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.