#MulleresQueOpinan
AS MULLERES QUE OPINAN SON PERIGOSAS
2026
Venres 13 e sábado 14 de marzo de 2026
Teatro Principal, Pontevedra
O encontro conta con servizos de interpretación en lingua de signos
Inscrición gratuita (Prazas limitadas ata completar aforo)
Este 13 e 14 de marzo de 2026 volven as #MulleresQueOpinan ao Teatro Principal de Pontevedra. Chegamos á novena edición sendo un foro xa consolidado e co obxectivo sempre necesario de poñer o xornalismo no centro para reivindicar o papel fundamental que, nestes tempos de desinformación e información interesada, teñen os medios de comunicación e as profesionais que exercen este oficio en prensa, radio e televisión.
Ademais, nesta nova edición sentimos que comeza unha segunda etapa do foro despois da celebración compartida en outubro por chegar a 100 mulleres convidadas desde 2018, sumando un diario de opinións e un documental á memoria e historia deste proxecto. Nesta segunda etapa, queremos que a rede de xornalistas e de confianza construída entre as profesionais participantes, a organización e o público sexa protagonista. Por iso, este ano levamos ao cartel o que tantas veces dicimos que é #MulleresQueOpinan: unha rede e unha comunidade. Iso tradúcese en contar con profesionais que as convidadas doutras edicións nos recomendaron despois de estar aquí, tendo claro que esas compañeiras de profesión que elas coñecen teñen o perfil do noso foro e do noso público. Á súa vez, as nosas relatoras recomendáronlles ás súas compañeiras de profesión vir a Pontevedra e formar parte da rede #MulleresQueOpinan.
Outra das novidades desta nova etapa é que "desvirtualizaremos" as profesionais que participaron en liña nas edicións pandémicas de 2020 e 2021.Todo isto mantendo a responsabilidade de sermos fieis aos sinais de identidade do foro: rodearnos de referentes da profesión para reivindicar o camiño andado por elas ata a actualidade; protagonismo para as profesionais locais e galegas; relatorios pendentes da actualidade; temáticas novas que non estiveran presentes nas edicións anteriores; inaugurar coas gañadoras do noso Premio de Opinión Mulleres que Opinan; mesturar rostros coñecidos con outras mulleres profesionais que fan un gran traballo moi especializado; e xornalismo social.
Nesta novena edición escoitaremos un total de catorce profesionais de diferentes perfís e medios de comunicación para seguir amosando que este foro pontevedrés é o punto de encontro necesario para visibilizar e reivindicar o espazo que as mulleres merecen no xornalismo e nos ámbitos de poder e de opinión.
Programa 2026
Dores Tembrás Campos conversa con Susana Pedreira Buján
Ligazóns de interese
SOBRE AS RELATORAS
-
Alba Chaves Abelleira
Alba Chaves Abelleira

Alba Chaves Abelleira (Pontevedra, 1995)
Graduada en Publicidade e Relacións Públicas pola Universidade de Vigo (2017), completou a súa formación cun posgrao en Deseño Gráfico e un máster en Social Media (2020).
Traballa como creadora de contido e xestora de campañas en Marketing4eCommerce, unha revista dixital especializada, onde lle dá forma, sentido e mimo a contidos para marcas.
Escribe, deseña, debuxa cando pode e, de cando en vez, tamén se pon diante da cámara para gravar vídeos en TikTok ou Youtube.
Creativa por vocación e alegre por natureza, entende a comunicación como un espazo desde o que pensar, cuestionar e contar sen medo.
Foi a gañadora da terceira edición do Premio de Opinión Mulleres que Opinan en castelán polo seu artigo "La mayor y la peor", un relato íntimo e honesto sobre o vínculo nai-filla, a identidade, os mandatos que nos atravesan e a procura dunha voz propia no medio do ruído herdado.
Linkedin: https://www.linkedin.com/in/alba-chaves/
-
Alba Moledo Ucha
Alba Moledo Ucha

Alba Moledo Ucha (Pontevedra, 1994)
Doutora en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), coa tese de doutoramento María Luz Morales. A Gran Señora da Prensa. Recuperación biográfica e achegas á historia do xornalismo, a primeira investigación destas características en España que recupera a vida e a obra completa da primeira muller directora dun xornal, e pola que obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude e foi proposta para premio extraordinario.
É tamén máster en Xornalismo Multimedia Profesional e graduada en Xornalismo pola UCM, e actualmente centra o seu campo de investigación na historia do xornalismo con perspectiva de xénero, que combina coa docencia e a divulgación.
Desenvolve a súa actividade profesional en Diario de Pontevedra, a onde chegou no ano 2015, no eido do xornalismo local, principalmente como correspondente de comarcas en Sanxenxo. Desde o 2020 mantén unha columna de opinión semanal, A fouce, onde aborda a denuncia social, a temática de xénero, a cultura galega ou a memoria das mulleres como centro da ollada crítica. O pasado 2025 foi finalista da vixésimo segunda edición do Premio Afundación de Xornalismo Francisco Fernández del Riego polo artigo "Agromar".
Ao longo da súa carreira profesional acadou tamén experiencia na Axencia EFE, onde lle foi concedida unha bolsa en EFE Empresas(Madrid), en La Voz de Galicia e no eido da comunicación corporativa.
Forma parte do equipo de xornalistas do proxecto "Habitar o baleiro", mediante o que se documenta o despoboamento no rural galego, e é a correspondente en Galicia da revista académica TSN (Transatlantic Studies Network), que edita a Universidade de Málaga.
Instagram: @moledoalba
-
Andrea Proenza Zoroquiain
Andrea Proenza Zoroquiain

Andrea Proenza Zoroquiain (Pamplona, 1996)
Xornalista, escritora e divulgadora en redes sociais. Investiga a intersección entre afectos, desexo e cultura con perspectiva de xénero, especialmente no ámbito dixital.
É autora do ensaio Cartografías del deseo amoroso (Ediciones en el mar, 2025) e colaboradora habitual de medios como elDiario.es, SModa, Pikara Magazine ou El Salto.
Actualmente traballa no seu segundo ensaio.
Instagram: @michislibris
-
Carmela Ríos Calvo
Carmela Ríos Calvo

Carmela Ríos Calvo (As Palmas, 1956)
Xornalista e profesora. Experta en redes sociais, xornalismo móbil e desinformación. Consultora de medios.
Licenciada en Xornalismo pola Universidade San Pablo CEU (Madrid), dedicou gran parte da súa carreira aos informativos de televisión. Foi correspondente en París de Antena 3 TV e CNN+. Xa en España, ocupou a corresponsalía política e xudicial para CNN e Cuatro.
Tras vinte anos en informativos de televisión, dez en París e un frechazo con Twitter, explora a interacción entre as redes sociais, o xornalismo, a comunicación e o poder. Ensínalle a outras e outros xornalistas a adaptar as súas ferramentas de traballo ao desafío da desinformación.
Foi responsable de contidos en Terra España e responsable de Nuevas Narrativas de Unidad Editorial. En 2012 recibiu o premio Ortega y Gasset de Xornalismo Dixital 2011 pola cobertura que desde unha conta de Twitter realizou do movemento do #15M. O relato da devandita experiencia quedou reflectido nun libro, Cómo el 15M cambió la información. Una guía de periodismo móvil.
Entusiasta practicante da formación permanente, foi consultora en Prodigioso Volcán e actualmente escribe sobre redes sociais no diario El País, unha actividade que alterna co seu labor docente en varias universidades.
Columnas El País: https://elpais.com/autor/carmela-rios-calvo/
-
Diana López Varela
Diana López Varela

Diana López Varela (Pontevedra, 1986)
É xornalista licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela e ten moitos másteres que non colgan en ningunha parede. En 2012 crea o blog Suspenso en Religión e, a partir de entón, fórmase e centra a súa actividade profesional no audiovisual, mentres escribe e opina en medios de comunicación.
Como guionista escribiu a segunda temporada da webserie Clases de lo Social, a curtametraxe musical Superpunky, e escribiu e dirixiu a obra de teatro No es país para coños e a curta Feminazi (premio do público no Ourense Film Festival 2018). Ademais, coescribiu o documental 25 anos de cinema galego, a adaptación para lectura dramatizada de Pulp Fiction titulada One Night Only, a película de animación Memorias de un hombre en pijama (nominada aos Premios Goya 2019) e as películas Mañana no te olvides e O home e o can, coa que recibiu a subvención de Talento de AGADIC polo seu guión. Foi guionista e redactora en diversos programas da TVG coma Land Rober Tunai Show, O gato con botas, Vou que teño que ir ou Malas pécoras, e en varios episodios das series Serramoura e A estiba. Escribiu e dirixiu o monólogo teatral A síndrome de Lis.
É autora dos ensaios No es país para coños (con sete edicións publicadas) e Maternofobia, e coescribiu a novela ilustrada Voces que cuentan, todos eles co grupo Planeta.
Xunto a Susana Pedreira é cofundadora do congreso As Mulleres que Opinan Son Perigosas, que este 2026 chega á súa novena edición sendo un foro xa consolidado e premiado pola Delegación do Goberno nos Recoñecementos Meninas de Galicia 2024. En 2022 publicouse o libro de entrevistas As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois, e en 2025 estreouse un documental e un libro centrados na celebración do aniversario das 100 mulleres que opinan.
Ten impartido numerosas conferencias sobre feminismo, igualdade e literatura para administracións públicas, asociacións e centros educativos.
Actualmente é redactora de programas na TVG e mantén unha columna no diario Público desde o 2018.
IG: @diana.lovar
X: @DianaLovar
-
Dores Tembrás Campos
Dores Tembrás Campos

Dores Tembrás Campos (Bergondiño, 1979)
Licenciouse en Filoloxía Hispánica en 2001 e, en 2008, despois de anos de investigación e diferentes estadías en Suecia, Madrid e Bos Aires, defendeu a súa tese de doutoramento: A obra poética de Alejandra Pizarnik. Arquitectura dun desencontro.
En 2009 publicou o seu primeiro poemario, O pouso do fume. A partir dese momento sucédense os traballos poéticos Esquiagrafías, Diapositivas a clareo, Silabario e Opium. En 2013 gañou o Premio de Poesía Concello de Carral co libro Cronoloxía da urxencia e en 2016 publicou o opúsculo Auga a través; o seu último poemario é Enxertos, de 2023. Ademais, conta cun libro de poesía infantil, O peizoque Roque, que viu a luz en 2012.
Os seus textos foron traducidos a diversas linguas (vasco, catalán, español, inglés, ucraíno, croata, búlgaro e estoniano) e incluídos en diversas revistas, obras colectivas e antoloxías de difusión internacional.
En 2014 funda canda a escritora Antía Otero o proxecto cultural Apiario, cunha área dedicada á formación, na súa escola de escrita, e outra á edición de libros, especializada en poesía. En ambas acadan diferentes recoñecementos e galardóns ao longo destes anos.
Desde 2016 colabora coa revista Luzes.
Foi a gañadora da terceira edición do Premio de Opinión Mulleres que Opinan en galego polo seu artigo "Iluminadas. A orde violeta" .
Instagram: @dorestembras
-
Ebbaba Hameida Hafed
Ebbaba Hameida Hafed

Ebbaba Hameida Hafed (campamentos de persoas saharauís refuxiadas en Tinduf, 1992)
É xornalista, doutora en Xornalismo e vicepresidenta de Reporteiros Sen Fronteiras en España. Naceu nos campamentos de persoas saharauís refuxiadas en Tinduf (Alxeria) e creceu entre Italia e España.
Desde 2018 traballa en Radio Televisión Española, onde escribe no seu portal dixital cubrindo migracións e información internacional. Colabora en telexornais e no programa Objetivo Igualdad. Tamén publicou en El País, Revista 5W, elDiario.es, La Marea e FronteraD.
Cubriu a guerra de Ucraína, as eleccións en Irán, a crise do Líbano e os efectos do cambio climático en Somalia. Tamén abordou a crise migratoria en Melilla, Ceuta, as illas Canarias e en países de tránsito coma Marrocos e Tunes.
Entre outros recoñecementos, en 2024 recibiu unha mención especial nos Premios Ortega y Gasset de Xornalismo pola súa reportaxe "La vida de Jebreel: diario de un testigo incómodo de la guerra en Gaza".
É autora da novela Flores de papel (Península, 2025).Instagram: @ebbaba_h
Web: https://www.rtve.es/autor/ebbaba-hameida/1001010/
Libro: https://www.planetadelibros.com/libro-flores-de-papel/410015
-
Eva Vázquez Lima
Eva Vázquez Lima

Eva Vázquez Lima (Pontevedra, 1972)
Xornalista e delegada de Atresmedia Televisión en Galicia (Antena 3 Noticias e laSexta Noticias). Desde 2026 é tamén coordinadora de todos os centros territoriais de Antena 3 Noticias en España.
É doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade Complutense de Madrid e licenciada en Xornalismo pola Universidade Pontificia de Salamanca, cuxo cuarto curso realizou na Universidade de Louvain-La-Neuve (Bélxica).
Desde 1999 traballa en Antena 3 TV como redactora, editora e presentadora de espazos informativos. Durante tres anos deixou, cunha excedencia, a televisión para traballar como xefa de prensa e de gabinete en Cultura da Xunta de Galicia,onde, entre outras funcións, foi responsable de comunicación no ano santo xacobeo de 2010, no lanzamento da película Celda 211 e na inauguración da Cidade da Cultura de Galicia.
Imparte cursos de formación en contidos relacionados coa comunicación en diferentes ámbitos: cultural, científico e humanístico desde Atresmedia Formación.
Escoitar, documentarse e contar historias, e se a iso lle sumamos a imaxe, complétase a súa paixón polo xornalismo. -
Fátima Frieiro Santaya
Fátima Frieiro Santaya

Fátima Frieiro Santaya (Carracedo, Caldas de Reis, 1983)
Licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, cun máster en Márketing e Comunicación Política. Exerce a profesión nos medios locais desde hai case 20 anos. Estivo en cabeceiras como La Voz de Galicia, Faro de Vigo ou Diario de Pontevedra.
Actualmente é redactora xefa en Diario de Arousa, un periódico que pon énfase na información de proximidade. Colabora de forma habitual na tertulia de Radio Arosa-Deza-Pontevedra, da Cadena SER.
No 2025 entrou a formar parte do equipo de formadoras que aborda o tratamento da violencia machista nos medios de comunicación, un proxecto creado polo Colexio de Xornalistas de Galicia.
A maiores, é directiva da Asociación Cultural Carracedo Fala, na parroquia de Caldas que a viu nacer. Con ela edita desde o 2014 o boletín periódico que leva o mesmo nome e co que se poñen en valor a historia, a memoria, a lingua e a cultura do rural.
-
María Helena Resano Lizaldre
María Helena Resano Lizaldre

María Helena Resano Lizaldre (Pamplona, 1974)
Xornalista, columnista e presentadora dos informativos laSexta Noticias das 14 horas nesta cadea.
É licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Navarra e máster en Dirección e Administración de Empresas, Global Executive MBA. Empezou a súa carreira na radio, primeiro en Pamplona na Cadena SER e en Onda Cero, onde presentou un magazine semanal.
En 1996 chegou a Madrid, á redacción de Informativos de Telecinco. Alí estivo ata outubro de 1999, data na que empezou a traballar en Televisión Española. É nesta etapa cando comeza a presentar informativos, primeiro na canle 24 Horas e despois na 1 nas súas diferentes edicións. Cubriu as grandes noticias máis importantes de ámbito nacional e internacional, coma a do furacán Mitch ou a da morte do papa Xoán Paulo II.
En 2006 arrinca o proxecto de laSexta Noticias, no cal dirixe desde entón o informativo das 14 horas, que presenta a diario e é líder de audiencia na súa franxa, e converteuse nun dos buques insignia da cadea.
Foi recoñecida coa Antena de Ouro e co Micrófono de Prata como mellor presentadora e o seu programa foi premiado durante dous anos consecutivos pola Academia da Televisión como mellor informativo.
Semanalmente, escribe unha columna en Infolibre e en 20Minutos.
Las rutas del silencio é o título da súa primeira novela, que será publicada o próximo 8 de abril pola editorial Espasa.
Instagram: @helenaresano
La Sexta: https://www.lasexta.com/temas/helena_resano-1
Columnas: https://www.infolibre.es/autores/helena-resano/
https://www.20minutos.es/autor/helena-resano/
Novela: https://www.planetadelibros.com/libro-las-rutas-del-silencio/446657
-
Isabel Coello Cremades
Isabel Coello Cremades

Isabel Coello Cremades (Madrid, 1973)
Creadora de pódcast e xornalista independente. Encargouse da dirección, produción, guión, narración e produción executiva de La casa grande.
Licenciada e máster en Xornalismo na Escola UAM-El País, ten máis de 20 anos de experiencia e especialización en temas de dereitos humanos, en particular en dereitos das mulleres. Traballou como correspondente da Axencia EFE para o leste africano e como redactora de Internacional no diario Público, entre outros medios. Antes pasou polas cadeas SER e Cope, a edición española da revista Rolling Stone e Radio France International.
Ao longo da súa carreira foi recoñecida con distintos galardóns: por La casa grande obtivo o Premio Ortega y Gasset de xornalismo, o Premio Ondas do Pódcast ao mellor guión, o IX Premio de Xornalismo contra a Violencia de Xénero na súa categoría de audio e o Premio Podwoman. Tamén foi finalista nos Premios Gabo 2025 na categoría de audio e nos International Women Podcasts Awards. Anteriormente foi merecedora do Premio Carmen de Burgos do ano 2000 pola reportaxe "Marcadas por la tradición" sobre a mutilación xenital feminina; Every Human Has Rights de 2008 pola reportaxe "El Pinochet africano"(Público)sobre Hissène Habré; efoi finalista do Premio Kurt Schork en 2006 pola reportaxe "La herida innombrable de África"(El País) sobre a fístula obstétrica.
Podcast La Casa Grande: https://open.spotify.com/show/0riO4UZ0sQ80585hh06Dyu?si=3456722a619d4596
-
Nieves Domínguez Amil
Nieves Domínguez Amil

Nieves Domínguez Amil (Chapela, Redondela, 1979)
Son unha redondelá da colleita do 79. Este ano cumpro vinte anos en La Voz de Galicia. Cheguei sendo ben nova despois de licenciarme en Comunicación Audiovisual na Universidade Pontificia de Salamanca e de facer un ciclo de formación profesional superior de Realización de Audiovisuais. Parecía que todo ía encamiñado a traballar nunha televisión ou na radio, onde fixen prácticas, pero no verán do 2004 cruzouse a prensa escrita no meu camiño e xa non houbo plan B para o futuro.
Fixen o máster de La Voz no 2006 e, tras un breve paso por El Ideal Gallego de tan só tres meses, volvín á que considero a miña casa. A primeira parada foi na delegación de Ribeira para substituír a unha compañeira; de aí pasei a Vilagarcía, Vigo e á sección de Economía, ata que en outubro do 2008 cheguei a Pontevedra, onde sigo desde entón.
Encárgome da sección de Deportes local e durante estes anos tiven a sorte de cubrir os grandes eventos que acolle unha cidade deportiva coma Pontevedra. A final das Series Mundiais de Tríatlon ou a visita das campioas do mundo de fútbol están entre as coberturas máis destacadas dos últimos anos. Pero non é o único que fago: desde hai un tempo compaxino o deporte con reportaxes de actualidade e información económica. A multitarefa manda no meu día a día. Son unha xornalista feliz.
Instagram: nievesd.amil
-
Rebeca Yanke García
Rebeca Yanke García

Rebeca Yanke García (Bilbao, 1978)
Xornalista e escritora, é redactora de El Mundo desde 2004, tras cursar a terceira edición do Máster de Xornalismo do diario. Escribe noticias e reportaxes no suplemento Papel, ademais da columna de opinión "La cariátide".
Galardóns e distincións: Premio Roche da Fundación Gabo 2024 na categoría de cobertura polo proxecto "Once vidas"; Premio ao Mellor Labor de Divulgación do Colexio de Psicoloxía de Madrid 2022, xunto a Rafael J. Álvarez, Yaiza Perera e Santiago Saiz polo proxecto "Once vidas" de prevención do suicidio; accésit honorífico do Colexio de Psicoloxía de Madrid pola calidade das súas reportaxes, 2020; e Premio Tiflos de Xornalismo Social 2015, outorgado pola Fundación ONCE, pola reportaxe "Un autista entre las cuerdas".
Autora do poemario Infinitos corpúsculos (2010, Cedma) e do ensaio divulgativo La ciencia de la amabilidad (2021, La Esfera de los Libros).
-
Remedios Zafra Alcaraz
Remedios Zafra Alcaraz

Remedios Zafra Alcaraz (Zuheros, Córdoba, 1973)
Escritora, profesora universitaria e investigadora do Instituto de Filosofía do Consello Superior de Investigacións Científicas. Premio Nacional de Ensaio 2025 pola súa obra El informe. Trabajo intelectual y tristeza burocrática (Anagrama). O xurado valorouna por "ser unha homenaxe á liberdade e á paixón creativa e, asemade, unha forte crítica das condicións do rendemento do traballo intelectual".
Foi profesora de Antropoloxía, Políticas da Mirada e Estudos de Xénero. Os seus traballos oriéntanse ao estudo crítico da cultura contemporánea, internet, o feminismo, a transformación do traballo creativo e as políticas da identidade nas redes.
A súa obra ensaística e tamén literaria, estreitamente relacionada coa ensaística e abertamente comprometida coa igualdade e a crítica social, foron recoñecidas con múltiples premios nacionais e internacionais coma Ensaio Jovellanos, Meridiana de Cultura, El Público a las Letras, Málaga de Ensaio, o Premio de Investigación da Cátedra Leonor de Guzmán e o de Ensaio Carmen de Burgos.
O seu traballo foi tamén valorado co Premio Inspiración 2023 da revista Yo Dona, Premio de Comunicación da Associació de Dones Periodistes de Catalunya 2010 e mención de honra no Premio Escritos sobre Arte 2009.
Colabora con distintos medios de comunicación coma El País, La Vanguardia e Radio Nacional de España.
Instagram: @remedioszafrarz
-
Sara Morales Fuentes
Sara Morales Fuentes

Sara Morales Fuentes (Zaragoza, 1983)
Licenciada en Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, está especializada no ámbito musical. Na actualidade dirixe a revista musical Efe Eme. Ademais de escribir nesta, tamén o fai en Ruta 66, Cuadernos Efe Eme, Esquire, El País… e colabora no programa de radio Sofá Sonoro (Cadena SER).
É autora de dous libros: Conversaciones con Ana Curra (Efe Eme, 2021) e ¿Cuándo se come aquí? El gran golpe de Siniestro Total (Efe Eme, 2024). Tamén participou no libro coral de Bruno Galindo, Kokotxas. Las más selectas delicias del periodismo musical español (Liburuak, 2024).
Comezou a súa traxectoria profesional na prensa local madrileña, para pasar posteriormente polas seccións de música de publicacións coma NEO2, Ocimag e Backstage Madrid. Tamén traballou de axente cultural organizando concertos, exposicións, proxeccións cinematográficas etc.
Instagram: @sara_warsaw
Web da revista Efe Eme: https://www.efeeme.com/
-
Susana Pedreira Buján
Susana Pedreira Buján

É xornalista, licenciada pola Universidade de Santiago de Compostela. Empezou traballando en comunicación empresarial e institucional, e en 2010 incorporouse á redacción de Onda Cero en Galicia.
Dirixe e presenta o programa local diario Más de uno Pontevedra desde hai quince anos. En setembro de 2015 asumiu a coordinación de Gente viajera de Galicia, un programa semanal centrado no turismo, no lecer, na cultura e na gastronomía.
Ademais, desde 2016 forma parte da programación nacional de Onda Cero co programa Un alto en el camino, catro horas de directo nas mañás da fin de semana que cada verán se emite desde Pontevedra para todo o Estado.
É coautora do libro Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo (Editorial Galaxia), no que oito mulleres moi diferentes escriben sobre a súa experiencia ao redor da folga xeral e das mobilizacións do Día da Muller de 2018.
Formou parte do xurado de dous dos premios literarios máis prestixiosos de Galicia: o Xerais (2014) e o Torrente Ballester (2020). En 2017 e 2022 foi finalista nos Premios Follas Novas do Libro Galego, na categoría de xornalismo cultural. Actualmente é comisaria dos premios literarios convocados pola Deputación da Coruña.
É cofundadora do congreso As Mulleres que Opinan Son Perigosas. Trátase dun foro xa consolidado e premiado pola Delegación do Goberno nos Recoñecementos Meninas de Galicia 2024, cos que a Administración distingue o traballo de persoas e entidades galegas na loita contra a violencia machista. En 2022 publicouse o libro de entrevistas As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia despois, que resume a primeira edición do congreso con conversas actuais protagonizadas por mulleres xornalistas.
X: @SuPedreIG: su_pedre
Novas relacionadas
{"classPK":1695820,"groupId":"37861","name":"mulleres_que_opinan_S-TX.jpg","alt":"Imaxe do programa mulleres que opinan","title":"mulleres_que_opinan_S-TX.jpg","type":"document","uuid":"2758beb7-f7f4-9b53-7cbf-338abee30b90","fileEntryId":"1695820","resourcePrimKey":"14883115"}
A Deputación e o Concello de Pontevedra abren a partir deste luns o prazo para presentar artigos aos premios #MulleresQueOpinan
15/03/2026
{"classPK":3786013,"groupId":"37861","name":"mulleres_que_opinan_st.jpg","alt":"PREMIO MULLERES QUE OPINAN","title":"mulleres_que_opinan_st.jpg","type":"document","uuid":"50448e35-4dab-6ecc-0d83-f838b855c5f5","fileEntryId":"3786013","resourcePrimKey":"14790220"}
A Deputación e o Concello de Pontevedra convocan a cuarta edición dos premios #MulleresQueOpinan
08/03/2026
{"classPK":14683141,"groupId":"37861","name":"20260224_rafadominguez_presentacion_mqo_jphilippot_08.jpg","alt":"Rafa Dominguez presentación mulleres que opinan","title":"20260224_rafadominguez_presentacion_mqo_jphilippot_08.jpg","type":"document","uuid":"c1aaf08b-2729-5efc-a3a1-76834988812d","fileEntryId":"14683141","resourcePrimKey":"14683156"}
A Deputación renova o seu compromiso co foro As mulleres que opinan son perigosas nunha edición marcada polos reencontros e o diálogo con anos anteriores
24/02/2026