Carpe (cast. carpe)

Carpinus betulus L.

Carpe

Familia:Betulaceae

Árbore caducifolia

Orixe: gran parte de Europa e sueste de Asia.

Porte e altura: pode acadar os 30 m de altura, con porte piramidal ou cónico nos primeiros anos, que vai abrindo e se torna regular co paso do tempo.

Follas: lámina de ovada a ovada-oblonga, de tamaño pequeno a mediano, de entre 4 e 10 cm de longo, marxe dobremente serrada, base redondeada ou cordada algo simétrica e ápice apuntado ou acuminado.

Flores: dispostas en amentos femininos insignificantes de cor verdosa e amentos masculinos colgantes de cor amarelenta. A floración ten lugar ao mesmo tempo que a aparición das follas na primavera. Non teñen valor ornamental.

Froitos: aquenios de forma lenticular, incluídos en brácteas trilobuladas, agrupados en acios colgantes.

Outros datos: a súa cortiza é gris claro, gretada ao envellecer. O seu crecemento é lento e non é demasiado lonxeva.

Utilidades e curiosidades: a súa madeira é compacta, dura e pesada, difícil de fender e ten un elevado poder calorífico. Emprégase en tornería e para fabricar vagóns, ferramentas, tacos de billar, pezas de piano, pontes de violín... As follas serven de forraxe para o gando. Como ornamental, esta especie é valorada, entre outras cousas, polas súas follas, que adquiren unha cor amarela moi rechamante no outono. Cando se usa como exemplar illado adquire forma redondeada, aínda que é frecuente atopalo ramificado desde a súa base como sebes altas en crecemento libre ou recortadas formando pantallas.

Necesidades e cultivo: árbore que medra ben en solos profundos, húmidos con boa drenaxe e preferiblemente ácidos. Resiste o frío e as exposicións ventosas, e ten unha alta tolerancia á contaminación, polo que se adapta a zonas urbanas. Admite ben a poda.