Ciprés dos illós (cast. ciprés de los pantanos, ciprés calvo)

Taxodium distichum (L.) Rich.

Ciprés dos illós

Familia: Cupressaceae

Árbore caduca

Orixe: sueste dos Estados Unidos, onde ocupan zonas boscosas en terreos pantanosos.

Porte e altura: pode acadar os 40 m de altura e ten porte cónico ou piramidal. O seu tronco é recto e con frecuencia está engrosado na base, arredor da cal, cando a árbore medra dentro da auga, aparecen unhas estruturas denominadas “neumatóforos”, que son raíces que medran cara arriba en vertical e serven para facilitar a respiración e darlle estabilidade á árbore.

Follas: caducas, de cor verde clara, lanceoladas, de pequeno tamaño, dispostas de forma dística. Coloración outonal avermellada.

Froito: conos de subglobosos a ovoides, pequenos (de 20 a 35 mm), de cor verde que se torna marrón cando madura.

Outros datos: presenta unha cortiza lisa, amarelenta ou marrón avermellada, que se agreta e volve agrisada coa idade.

Utilidades e curiosidades: a súa madeira é avermellada no seu interior, moi resistente. Serve para traballos de ebanistería e para elaborar pezas que estean moi expostas á humidade, xa que non se degrada facilmente. Adoitan plantarse en espazos con bastante humidade, polo que se trata dunha árbore ideal para colocar en zonas inundables, en ribeiras dun río, nun lago ou incluso dentro de estanques. É unha das poucas coníferas, xunto coa falsa sequoia, que ten folla caduca. É unha especie lonxeva.

Necesidades e cultivo: é unha conífera de crecemento medio. Require de moita humidade, presenza de materia orgánica e solos ácidos. Necesita luz pero pode medrar cunha exposición parcial. Non é necesario podala.