Eucalipto de flor vermella

Corymbia ficifolia (F. J. Muell.) K. D. Hill & L. A. S. Johnson

Eucalipto de flor vermella

Sinónimo: Eucalyptus ficifolia F. Muell

Familia: Myrtaceae

Árbore perenne

Orixe: amplamente estendida no suroeste de Australia occidental

Porte: de copa globosa, densa e algo irregular; pode acadar os 10 m de altura

Follas: simples de marxe enteira; as xuvenís opostas, pecioladas, de ovadas a amplamente lanceoladas, de cor verde mate, mentres que as maduras, alternas, pecioladas, amplamente lanceoladas, lisas, coriáceas de 7 a 14 cm de lonxitude e 3 a 5 cm de ancho, de cor verde escura pola face e verde pálida polo envés

Froito: en cápsulas pediceladas, grosas e duras, de urceoladas a ovadas, de 2 a 3,5 cm de diámetro, con estreitamento cara ao ápice e valvas incluídas. Sementes aladas, de cor marrón escura ou negra, con forma de elipse

Flor: inflorescencias en corimbos terminais de 15 a 30 cm de diámetro sobre un curto pedúnculo, constituídos por 3 a 7 flores de 3 a 4 cm de diámetro. Os casulos son ovoides ou piriformes con sépalos e pétalos fusionados formando unha especie de capucha que cae cando a flor está madura e libera unha multitude de longos estames con filamentos normalmente de cor escarlata, aínda que tamén poden verse tonalidades de rosa, laranxa e branco crema

Outros datos: a súa casca é dura, persistente e de cor agrisada con gretas lonxitudinais

Utilidades: a súa madeira é de cor amarela clara, pesada, forte e duradeira, pero de escaso valor. Cultívase como árbore ornamental pola súa espectacular floración vermella, que tamén pode ser alaranxada, rosada ou, máis raramente, branca

Necesidades: require climas tépedos e non resiste ben as xeadas continuadas. Prefire exposicións soleadas, solos areosos e ben drenados, neutros e algo ácidos. De crecemento rápido, resistente á contaminación urbana, a longos períodos de seca e a temperaturas elevadas