Faia (cast. Haya)

Fagus sylvatica L.

Faia

Familia:Fagaceae

Árbore caducifolia

Orixe: centro e oeste de Europa.

Porte e altura: pode acadar entre os 35 e os 40 m de altura; con tronco recto e copa redondeada, ampla e voluminosa, que comeza a baixa altura desde o chan, se ten espazo para desenvolverse. Se medra entre outros exemplares e non ten espazo suficiente, as súas pólas son ascendentes en vez de despregarse en horizontal e a súa copa, estreita.

Follas: simples, alternas, de arredor de 10 cm de longo, con forma elíptica ou ovada, marxes lixeiramente onduladas e nervios afundidos marcados. Son marcescentes, é dicir, unha vez secas, permanecen na árbore moito tempo antes de desprenderse.

Froito: denominado faiuco, ten sección triangular, cos lados cóncavos, agrúpase en parellas, recuberto por unha cúpula leñosa cuberta de espiñas brandas que se abre en catro valvas.

Outros datos: a súa cortiza é lisa, de cor agrisada, que se escurece e se greta nos exemplares máis vellos.

Utilidades e curiosidades: é unha boa árbore de sombra para xardíns con moito espazo, moi exuberante polo seu fermoso porte e tamén valorada pola súa coloración outonal. Existen variedades e cultivares que presentan diversas coloracións e formas, coma ‘Atropurpurea’, ‘Fastigiata’, ‘Pendula’, ‘Variegata’ etc. É unha especie de crecemento lento e moi lonxeva. A súa madeira é de cor branca amarelenta ou avermellada, moi valorada por ser forte, dura e fácil de traballar. Emprégase en tornería, ebanistería e carpintería, e antigamente para confeccionar xugos para os carros dos bois. Os froitos son comestibles e fonte de alimento para a fauna silvestre. Ten propiedades medicinais.

Necesidades e cultivo: prefire solos neutros ou lixeiramente ácidos, ben drenados, e exposicións directas ao sol ou de media sombra. Soporta ben os ventos fortes e a contaminación, pero é sensible a xeadas continuadas.