Fento de Creta

Pteris cretica L.

Fento de Creta

Familia: Pteridaceae

Esporulación primaveral

Orixe: nativa de rexións de clima subtropical de Europa, Asia e África. O seu nome deriva de Creta, por ser descrito por primeira vez nesta illa.

Porte: planta vivaz de tamaño medio.

Follas e pinnas: frondes erectas, divididas, de ata 80 cm de lonxitude. Pinnas largamente lineais, sentadas, espazadas, opostas; as inferiores bífidas ou trífidas, longamente agudas, enteiras ou serradas. O pecíolo ten unha lonxitude igual ou algo inferior que a da lámina e é de cor parda na base e amarelada no ápice.

Soros: lineais, continuos, sen indusio. Atópanse no envés das pinnas e están dispostos nunha liña situada no bordo, protexidos pola marxe enrolada.

Rizoma: curto, rastreiro e de cor negra.

Utilidades e curiosidades: existen diversas variedades que se usan con fins ornamentais, tanto en interior coma en exterior. Tamén crecen ben á beira de estanques ou preto de cursos de auga.

Necesidades e cultivo: requiren climas húmidos e temperados e son sensibles ás xeadas. O solo debe ter boa drenaxe. Son plantas de sombra que non resisten a exposición directa ao sol.