Nogueira, noceira (cast. nogal)

Juglans regia L.

Nogueira noceira

Familia: Juglandaceae

Árbore caducifolia

Orixe: sueste de Europa e oeste de Asia.

Porte e altura: pode acadar os 30 m de altura; de copa ampla e voluminosa, irregular-redondeada que comeza a baixa altura desde o chan.

Follas: compostas, con entre 5 a 9 folíolos, o terminal de maior tamaño e sempre en número impar, forma ovada, con ápice agudo, de marxe lisa e con textura coriácea.

Flores: aparecen antes ou ao mesmo tempo que as follas na primavera. As masculinas son amentos colgantes de cor verde, solitarias ou en grupos de tres; as femininas, solitarias ou en grupos de catro, forman unha espiga ao final do brote do ano.

Froito: disposto en grupos de 1 a 4 sobre un mesmo pedúnculo, entre elípticos e redondeados, glabros, lisos e de cor verde antes da maduración, a cal se produce en outono, cando a capa carnosa que contén no seu interior a noz escurece e se desprende.

Outros datos: a súa cortiza é lisa, de cor agrisada, que se vai gretando cos anos.

Utilidades e curiosidades: a nogueira é unha árbore importante desde o punto de vista produtivo e comercial; non é habitual empregar esta especie con fins ornamentais. A súa madeira é moi apreciada e empregada polo seu veado negro sobre fondo pardo claro en ebanistería, tornería e carretería. Úsanse con frecuencia  para fabricar culatas de armas de fogo. O seu froito ten valor comestible e tamén o aceite que se obtén del. As súas follas teñen un alto contido en fenois e outros compoñentes bioactivos que lles confiren numerosas propiedades terapéuticas. Da casca verde do froito obtense o verniz coñecido como “nogalina”, empregado no medio rural como tinta natural para tinguir de cor parda as prendas de la e o pelo.

Necesidades e cultivo: moi sensible ás xeadas na primavera, que fan que os novos brotes poidan verse afectados e se altere o proceso de floración e, polo tanto, a cantidade e a calidade dos froitos, o que reduce a colleita. Sensible á seca e ás altas temperaturas. Adáptase ben a diferentes solos, aínda que os prefire bo drenados, fértiles e profundos, xa que o seu sistema radicular é amplo.