A Deputación abre o prazo para os centros de FP interesados en formar parte do consorcio provincial de mobilidade do Erasmus+ 2024

A finalidade é poñer en marcha o programa de estadías en Europa para o alumnado, docentes e persoal non docente. As solicitudes poden presentarse ata o 15 de xaneiro

30/12/2023

A Deputación de Pontevedra acaba de abrir o proceso para a creación dun novo consorcio mobilidade co obxecto de presentar de forma conxunta unha solicitude de proxecto e financiamento ao Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE) dentro da convocatoria de propostas 2024 do Programa Erasmus+. O Consorcio, ao que se poden adherir os centros de FP da provincia que impartan especialidades de grao básico, medio e certificados de profesionalidade dos niveis I, II, e III, busca que o alumnado recentemente titulado, docentes e persoal non docente que traballe en educación e formación profesional realice mobilidades en países europeos. O prazo para presentar as solicitudes estará aberto ata o vindeiro 15 de xaneiro, e estas deberán facerse unicamente por medios electrónicos a través da Sede electrónica da Deputación.

A finalidade da creación deste consorcio é presentar un proxecto de mobilidade do alumnado e persoal de Formación Profesional á Acción Clave 1 do Programa Erasmus+, é dicir, “Mobilidade para a aprendizaxe”. Precisamente, o obxectivo desta Acción é levar a cabo un programa de mobilidade de alumnado recentemente titulado pertencente a distintas familias profesionais, co fin de colaborar na súa integración no mercado laboral a través de prácticas en empresas e organizacións estranxeiras. Está enfocado a estudantes, docentes e persoal non docente, que serán seleccionados previamente polos centros educativos pertencentes ao consorcio de mobilidade.

Pola súa parte, o Plan Erasmus do consorcio de mobilidade establece tres obxectivos principais que se acadarán mediante a realización de mobilidades: mellorar a empregabilidade do alumnado de Formación Profesional, ampliando e reforzando os seus coñecementos e capacidades grazas á experimentación nunha empresa dun país estranxeiro; fomentar o intercambio de metodoloxías e boas prácticas do profesorado dos centros consorciados cos seus homólogos a nivel europeo, e proxectar ao consorcio e a cada un dos seus membros a nivel internacional para lograr unha implicación nun maior número de proxectos de cooperación a nivel internacional.

O proxecto terá unha duración inicial de 15 meses, se ben é posible prolongalo ata unha duración total de 24 meses, mentres que as estadías do alumnado, docentes e persoal realizaranse en diferentes períodos a concretar durante o proxecto. As persoas beneficiarias poderán realizar a mobilidade nun dos países do programa Erasmus+, é dicir, países pertencentes á Unión Europea (Alemaña, Austria, Bélxica, Bulgaria, Chipre, Croacia, República Checa, Dinamarca, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Finlandia, Francia, Grecia, Hungría, Irlanda, Italia, Letonia, Lituania, Luxemburgo, Malta, Países Baixos, Polonia, Portugal, Romanía e Suecia) así como terceiros países asociados ao Programa (República de Macedonia do Norte, Islandia, Liechtenstein, Noruega, Turquía e Serbia).