A Deputación abre este luns o prazo para que os centros escolares opten ás axudas para as visitas de educación ambiental a granxas escola da provincia

O programa, impulsado polo Servizo de Xuventude e cun orzamento de 30.000 euros, busca servir de apoio ao labor educativo dos centros de ensino e fomentar entre a rapazada a curiosidade natural e o respecto pola cultura e polo medio

14/04/2024

A Deputación de Pontevedra abre este luns, 15 de abril, o prazo para solicitar as axudas do novo programa “Vive o rural”, que lles permitirá aos centros escolares realizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia. O programa, impulsado polo Servizo de Xuventude e cun orzamento de 30.000 euros, busca servirlle de apoio ao labor educativo que se desenvolve nos centros de ensino e fomentar entre a rapazada a curiosidade natural e o respecto pola cultura e polo medio.

“Vive o rural” está dirixido aos centros públicos de educación infantil, primaria e secundaria dos concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes, así como ás asociacións de nais e pais (ANPA) destes centros educativos, que recibirán unha subvención máxima de 1.350 euros (25 euros por alumna ou alumno) para que poidan organizar visitas de educación ambiental ás granxas escola da provincia (Serantellos, en Cambados; Fervenzaventura, en Silleda; Kiriko, en Fornelos de Montes; Corazón de Carballo, en Tomiño; ou Río Mouro, en Poio). Estas consistirán en pasar un día realizando distintas actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos, xogos ou calquera outra actividade de natureza análoga.  As axudas poderán destinarse a financiar o custo da entrada ás granxas escola e os gastos de desprazamento de ida e volta entre o centro educativo e o espazo escollido.

O programa ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o seu lecer e tempo libre, así como para coñecer e descubrir lugares da súa contorna xeográfica, achegarse á realidade das actividades agrícolas e gandeiras, e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos presentes na contorna, a vida dos animais que nela habitan, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario, poñendo sempre en valor o mantemento da biodiversidade do territorio e da paisaxe e da tradición agraria como elementos de identidade da cultura da provincia de Pontevedra.