Deputación e Fundación Juan XXIII avanzan no proxecto Natura XXIII para fomentar o emprego das persoas con diversidade funcional en Castiñeiras

Carmela Silva: “Este é un proxecto moi ambicioso, para entusiasmarse, que non só está a crear espazos de vida laboral para as persoas con diversidade funcional, senón que ten como obxectivo promover actividades neste espazo natural único”

10/01/2023

Visita Funcación Juan XXIII

A Deputación e a Fundación Juan XXIII están a avanzar no desenvolvemento do ambicioso proxecto Natura XXIII na contorna do Lago de Castiñeiras, unha iniciativa pioneira que busca a mellora da empregabilidade das persoas con diversidade funcional intelectual coa creación de postos de calidade vinculados ao medio ambiente e a protección e conservación deste espazo de 37 hectáreas e inmenso valor natural e paisaxístico. A presidenta provincial, Carmela Silva, amosou o seu apoio á fundación e puxo en valor o seu labor durante a súa visita ás instalacións en Cotorredondo, na que estivo acompañada do presidente, Antonio Jar, o director, Diego Chapela e o responsable do proxecto, José Luis Mariño.

Os dous eixos centrais do proxecto Natura XXIII son o fomento do emprego para as persoas con diversidade funcional intelectual e a recuperación e posta en valor do espazo de Castiñeiras, dándolle unha nova vida ás antigas instalacións de Cotorredondo. Deste xeito, xa está en marcha unha primeira fase de formación dual en viveirismo e xardinería, e a fundación busca agora apoio para promover a rehabilitación dos edificios da contorna a fin de promover futuras actividades de restauración, ocio e turismo, nas que estean empregadas as persoas beneficiarias.

A Deputación ten apoiado esta primeira fase do proxecto co financiamento de postos de traballo e hoxe Carmela Silva confirmou que a institución provincial “vai seguir avanzando” coa entidade nesta iniciativa. “Poñémonos a vosa disposición –indicou a presidenta- e temos que ver as diferentes posibilidades para ver que implicación a maiores pode ter a Deputación”. Amais, apuntou que a institución colaborará na busca de fondos europeos que poidan axudar a financiar o proxecto e tamén reivindicou que a Xunta “debería dedicar moitos recursos a proxectos como este”, tendo en conta que as competencias de política social están en mans das comunidades autónomas”.

Carmela Silva definiu o proxecto como “marabilloso, ambicioso e potente” e destacou tamén a colaboración da Comunidade de Montes San Xulián pola cesión das instalacións de Cotorredondo. “Esta é a sociedade civil organizada e traballando para construír espazos de vida mellores para todas e todos –sinalou-. Tiñamos que apoiar un proxecto así, que é piloto pero estase a consolidar e dar resultados. Porque non só se están a crear espazos de vida laboral para as persoas con diversidade funcional, que teñen que ter ese dereito e sen el é difícil ter outros. Ter unha vida plena significa poder desenvolver unha actividade laboral e sentir que somos persoas que aportan á sociedade a través do traballo e a integración. Pero amais este é un espazo único, con valores naturais, paisaxísticos, cunhas vistas únicas e o obxectivo fundamental é promover actividades ao aire libre, de ocio, de coñecemento do medio, de coidado e mantemento desta contorna. Hai que ter en conta que a economía cada vez máis vai estar vinculada ao medio ambiente e iso vai xerar máis posibilidades de crear emprego. Este é un proxecto para entusiasmarse”.

Neste senso, o presidente da fundación, Antonio Jar, destacou que Natura XXIII “será unha maneira de potenciar aínda máis esta contorna e permitirá á xente, sobre todo a que ten diversidade funcional intelectual, poder realizar unha serie de traballos dedicados directamente ás persoas que veñen visitar a zona”. “A idea que máis nos entusiasma é que poidan chegar a ter un posto de traballo normalizado”, subliñou.

O director  Diego Chapela incidiu en que se pretende que as persoas empregadas  “amosen que teñen unha capacidade produtiva, como calquera persoa”. “Todo vai orientado –explicou- a que sexan o referente no parque de Castiñeiras: na conservación do parque, na recepción das visitas e en prestar uns servizos de calidade no entorno”. Engadiu que a iniciativa busca tamén que as persoas beneficiarias poidan finalizar con estes traballos a súa vida laboral e garantir futuras prestacións, tendo en conta os seus condicionantes de deterioro físico e intelectual prematuro, así como mellorar a empregabilidade feminina, “xa que a sección de xardinería está moi masculinizada e podemos compensar ese desequilibrio con este proxecto”. Unha iniciativa “que ten unha envergadura grande e merece a pena,  non é unha entelequia ou unha idea feliz, senón que se está consolidando”. Lembrou así mesmo que no eido medioambiental se busca “recuperar o esplendor” desta contorna, que desde 1927 e xunto ao Monte Aloia foi escenario dun dos primeiros proxectos de reforestación de Galicia e o Estado da man do entón presidente da Deputación, Daniel de la Sota, e o enxeñeiro Rafael Areses. Esa iniciativa permitiu plantar na zona máis de cen especies de todos os continentes, “colección botánica que queremos seguir ampliando para enriquecer este parque”, como destacou o responsable do proxecto, José Luis Mariño.

A fundación, que emprega na actualidade a 71 persoas, recolleu desde 2008 o proxecto de emprego que a Asociación Juan XXIII viña desenvolvendo durante anos a través dos quioscos. Mariño explicou que o 90% das persoas teñen contratación indefinida, de xeito que se están a consolidar postos de traballo de calidade, e a entidade apoia amais ás persoas con diversidade funcional co asesoramento do seu persoal de apoio nas actividades da súa vida persoal “para que estean arroupadas e poidan desenvolver unha vida independente”. O colectivo conta con diferentes sistemas de apoio no contexto do traballo: un Centro Especial de Emprego, a Inserción laboral ordinaria, para persoas con discapacidades físicas ou intelectuais leves, que non precisan un centro especial de emprego, pero si formación, orientación para lograr integrarse laboralmente e  Formación Adaptada, con programas de formación dual para necesidades de persoas con discapacidade intelectual, nos que a metodoloxía de formación é 100% practica.

Galerias de imagenes

videos