Asociacións de Vigo reciben máis de 200.00 euros da Deputación para proxectos sociais

As achegas chegan a 11 entidades revalidando así o compromiso da Deputación coas asociacións de política social da provincia a pesar de non ter competencias neste eido

04/06/2022

Carmela Silva en rolda de prensa  

A Deputación de Pontevedra destina este ano 202.500 euros do seu Orzamento a subvencións nominativas para entidades de Vigo que desenvolven actividades no eido da política social. Deste xeito, tal e como lembrou a presidenta provincial, Carmela Silva, a Deputación "malia non ter competencias en política social non abandona ás asociacións que atenden ás persoas que precisan recursos das administracións públicas para garantir a igualdade de oportunidades". Con estes recursos, apuntou a presidenta, levaranse a cabo na provincia "todo tipo de actividades" como a de atención integral a persoas con demencia, intermediación laboral para persoas con diversidade funcional, alfabetización ou atención a persoas consumidoras de psicoestimulantes, entre outras.

En Vigo beneficiaranse destas subvencións provinciais a Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Pontevedra COGAMI Pontevedra (40.000 €); Confederación Galega de Persoas con Discapacidade COGAMI (40.000 €); Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra AFAPO (20.000 €); Asociación Española Contra o Cancro (15.000 €); Asociación de Atención a la Parálisis Cerebral y Afines AMENCER-ASPACE (15.000 €); Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga (15.000 €); Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer AFASAL (15.000 €); Asociación Érguete Prevención e Intervención en Condutas Aditivas (12.500 €); ARELA - Asociación de Apoio á Infancia e Mocidade (10.000 €); Down Vigo Asociación para el Síndrome de Down (10.000 €); e Radio ECCA Fundación (10.000 €).

Recursos para toda a provincia

Do mesmo xeito, a Deputación concedeu achegas a asociacións de outros municipios da provincia que suman, xunto coas de Vigo, un total de 345.000 euros. Nesta liña, os fondos provinciais chegarán a cinco asociacións de Pontevedra por valor de 65.000 euros para a Fundación Monte do Gozo (20.000 €); APAMP - Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral (15.000 €); Asociación Xordos de Galicia - XOGA (10.000 €); Down Pontevedra Asociación para el Síndrome de Down (10.000 €); e Fundación Juan XXIII (10.000 €).

Os recursos provinciais tamén chegarán a dúas entidades da Guarda, Saúde Mental FEACES - Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (20.000 €) e Asociación Érguete de Prevención das Drogodependencias e de Educación e Promoción da Saúde no Baixo Miño (10.000 €). Do mesmo xeito, a Deputación reparte fondos en Moaña á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (20.000 €), Mos para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Comarca do Morrazo AFAMO (15.000 €) e Vilagarcía de Arousa para a Fundación Érguete-Integración (12.500 €).