Asociacións de Pontevedra reciben 65.000 euros da Deputación para desenvolver proxectos sociais

As achegas chegarán a 5 entidades revalidando o compromiso da Deputación Coas asociacións de política social da provincia a pesar de non ter competencias neste eido

04/06/2022

Carmela Silva en rolda de prensa  

A Deputación de Pontevedra destina este ano 65.000 euros do seu orzamento a subvencións nominativas para entidades de Pontevedra que desenvolven actividades no eido da política social. Deste xeito, tal e como lembrou a presidenta provincial, Carmela Silva, a Deputación "malia non ter competencias en política social non abandona ás asociacións que atenden ás persoas e que precisan recursos das Administracións públicas para garantir a igualdade de oportunidades". Con estes recursos, apuntou a presidenta, levaranse a cabo na provincia "todo tipo de actividades" como a de atención integral a persoas con demencia, intermediación laboral para persoas con diversidade funcional, alfabetización ou atención a persoas consumidoras de psicoestimulantes, entre outras.

No concello de Pontevedra beneficiaranse destas achegas provinciais a Fundación Monte do Gozo (20.000 €), Asociación de Familiares de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) (15.000 €), Asociación Xordos de Galicia (XOGA) (10.000 €), Down Pontevedra Asociación para el Síndrome de Down (10.000 €), e Fundación Juan XXIII (10.000 €).

Recursos para toda a provincia

Do mesmo xeito, a Deputación concedeu achegas a asociacións de outros municipios da provincia que suman, xunto coas de Pontevedra, un total de 345.000 euros. Nesta liña, os fondos provinciais chegarán a dez asociacións de Vigo por valor de 202.500 euros para a Federación Provincial de Asociacións de Persoas con Discapacidade de Pontevedra COGAMI Pontevedra (40.000 €); Confederación Galega de Persoas con Discapacidade COGAMI (40.000 €); Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Pontevedra AFAPO (20.000 €); Asociación Española Contra o Cancro (15.000 €); Asociación de Atención a la Parálisis Cerebral y Afines AMENCER-ASPACE (15.000 €); Asociación Ciudadana de Lucha Contra la Droga (15.000 €); Asociación de Familiares de Enfermos con Alzhéimer AFASAL (15.000 €); Asociación Érguete Prevención e Intervención en Condutas Aditivas (12.500 €); ARELA - Asociación de Apoio á Infancia e Mocidade (10.000 €); Down Vigo Asociación para el Síndrome de Down (10.000 €) e Radio ECCA Fundación (10.000 €).

Os recursos provinciais tamén chegarán a dúas entidades da Guarda, Saúde Mental FEACES - Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (20.000 €) e Asociación Érguete de Prevención das Drogodependencias e de Educación e Promoción da Saúde no Baixo Miño (10.000 €). Do mesmo xeito, a Deputación reparte fondos en Moaña á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras Demencias de Galicia (20.000 €), Mos para a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer da Comarca do Morrazo AFAMO (15.000 €) e Vilagarcía de Arousa para a Fundación Érguete-Integración (12.500 €).