A Deputación remarca a grande acollida do Congreso Nacional de Numismática que organiza en setembro no Museo, ao superar todas as previsións tras recibir máis de 80 comunicacións científicas

Está prevista a asistencia de 200 persoas expertas procedentes de España e doutras latitudes a este congreso que se centrará en “Numismática, que e para que? Xeración e transferencia de coñecemento”

23/05/2024

Congreso Nacional de Numismática

A Deputación de Pontevedra remarca a grande acollida do Congreso Nacional de Numismática que organiza entre os días 12 e 13 de setembro no Museo de Pontevedra, ao superar todas as previsións tras recibir un total de 81 comunicacións científicas. Está prevista a asistencia de ata 200 persoas expertas procedentes de España e doutras latitudes a esta cita que leva o lema de “Numismática, que e para que? Xeración e transferencia de coñecemento” e que organiza o Museo co apoio da Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN). Ambas entidades veñen de publicar o programa que tamén inclúe dúas conferencias e catro mesas redondas sobre investigación en numismática, plans formativos e o traballo de museos e outras entidades.

O programa arrancará o xoves 12 de setembro coa conferencia inaugural a cargo de Erea Castro Afonso, conservadora do Museo de Pontevedra, que falará de “As coleccións numismáticas no Museo de Pontevedra e o legado Blanco Cicerón”. Pecharao o fiscal, investigador e coordinador científico do congreso Antonio Roma Valdés, coa conferencia “A numismática como obxecto patrimonial”.

Polo medio, tres días de comunicacións, mesas redondas e actividades paralelas. As mesas de debate abordarán catro temas de actualidade deste campo: a numismática nos plans formativos universitarios; a numismática en museos, arqueoloxía e restauración; tendencias en proxectos de investigación; e as interrelacións entre museos, fundacións e outras entidades. As mesas contarán coa participación de expertos, conservadores e investigadores de museos, universidade e outras entidades.

As comunicacións científicas espallaranse polos tres días de programa, con seis sesións de dous bloques en paralelo en cada unha delas. A variedade de temas propostos fala da riqueza e diversidade dos estudos actuais na materia: coleccións museísticas; restauración e conservación; investigacións arqueolóxicas; moeda romana, grega, sueva ou islámica; moeda medieval; variantes locais ou alternativas históricas ao uso da moeda, entre outros.

A programación complétase cunha actuación musical, visitas ao Museo e á cidade e a exposición ‘O gabinete de Ricardo Blanco Cicerón: do coleccionismo ao museo’, na que se exhibirán pezas dun dos fondos máis importantes do Museo de Pontevedra, a Colección Blanco Cicerón. A mostra, comisariada pola conservadora do Museo de Pontevedra Erea Castro Alfonso, quere ser unha achega a unha figura por reivindicar, o coleccionista que sentou as bases da museoloxía galega. Tamén se celebrarán actividades didácticas e divulgativas, que se presentarán en datas próximas.

Inscrición aberta

A inscrición como oínte está aberta en https://museo.depo.gal/congreso-nacional-de-numismatica, onde tamén se atopa toda a información do congreso. A asistencia ao congreso será recoñecida mediante un certificado expedido pola Universidade de Santiago de Compostela e ademais terá o recoñecemento de actividade formativa complementaria no seu programa de Doutoramento en Historia, Xeografía e Historia da Arte.

A 17ª edición do Congreso Nacional de Numismática, a primeira desde a de 2018 en Barcelona, está organizada polo Museo de Pontevedra, en colaboración coa Sociedad Iberoamericana de Estudios Numismáticos (SIAEN), co patrocinio da Real Casa de la Moneda. Pretende xerar un espazo de diálogo común no que participen especialistas e persoas iniciadas, achegar a disciplina a quen non a coñece e xerar un compromiso de coparticipación entre aqueles que a manteñen vixente, en aras de crear novas dinámicas que garantan o seu porvir. Da coordinación científica do congreso encárgase Antonio Roma Valdés, fiscal, doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, investigador e experto en moeda medieval.

A elección do Museo de Pontevedra como sede da próxima edición pon de relevo a importancia da colección numismática do Museo. A súa orixe está nos fondos monetarios que xuntou a Sociedad Arqueológica, fundada en 1894. As doazóns de particulares e coleccionistas, os depósitos de pezas provenientes de escavacións arqueolóxicas e a adquisición de coleccións foron incrementando a colección ata as arredor de 15.000 pezas coas que conta na actualidade.