Luisa Sánchez supervisa as obras que permitiron crear un novo punto de encontro cidadán e reconstruír un muro de contención no Parque Nelson Mandela de Navia
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra avanza que a reparación da cuberta do Pavillón das Travesas será entregada este xoves
16/02/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, supervisou este luns o resultado das obras que permitiron crear un novo punto de encontro cidadán en Navia, a carón do centro de saúde, e reconstruír un muro de contención xunto a unha das áreas de xogo do Parque Nelson Mandela. Unha mellora para o barrio vigués que supuxo un investimento de 412.000 euros por parte da institución provincial. Esta contía representa o 80% dun total de 513.272 euros. A actuación encádrase nos convenios subscritos co Concello de Vigo, administración que completou o orzamento.
A obra, que este mércores será entregada por parte da empresa adxudicataria, permitiu crear unha zona axardinada e un sistema de gradas para goce da veciñanza. Tamén contribúe a integrar a parte superior do parque coa vía pública, ademais de dotar a zona de novas escaleiras que facilitan o acceso peonil. “Desde a Deputación seguimos demostrando que investimos onde realmente importa: no día a día das persoas e na súa calidade de vida”, sinalou durante a visita a Navia.
Ao día seguinte, o xoves, será entregada outra mellora en Vigo financiada maioritariamente pola Deputación de Pontevedra. Trátase da substitución da cuberta da Pista Vermella do Pavillón das Travesas. Segundo informou a tamén deputada de Deportes, mudouse o tellado existente, que estaba afectado polo óxido, e instalouse unha nova cuberta que conta con dous lucernarios. O investimento total elevouse a 286.212 euros, dos que 225.000 euros (o 79%) partiron das arcas provinciais. O Concello, pola súa banda, contribúe con 61.212 euros.
A Deputación de Pontevedra achega 637.000 euros para estas dúas actuacións en Vigo, ás que se engade a recente reparación do muro de contención e do noiro do campo de fútbol de Sárdoma-Moledo grazas a un investimento provincial de 650.000 euros, o 79% dun total de 819.681 euros. Así, a suma destas tres intervencións ascende a 1.287.000 euros. “Estamos a falar de cifras significativas que amosan o noso compromiso firme con Vigo. Non son anuncios, son obras executadas e recursos consignados”, afirmou Luisa Sánchez.
Máis de 47 millóns comprometidos para Vigo
A vicepresidenta salientou que, desde que tomou posesión do seu cargo hai case dous anos, a Deputación de Pontevedra comprometeu para Vigo investimentos que superan os 47 millóns de euros. “Nunca antes a institución provincial destinou tantos recursos á cidade en tan pouco tempo. Vigo é unha prioridade e iso reflíctese nestas actuacións e en todas as que temos en marcha”, asegurou.
Nestes momentos atópanse en plena execución a reforma da bancada de Gol no Estadio de Balaídos, a reforma da piscina de Teis, a construción de beirarrúas na Avenida Clara Campoamor, a instalación dun ascensor na rúa Juan Ramón Jiménez, a renovación da rúa Pintor Colmeiro con ramplas mecánicas e a humanización da rúa San Roque.
Proximamente comezarán as obras do parque de xogos en Finca Matías. Así mesmo, a recuperación do Teatro Cine Fraga será abordada neste ano 2026. Por último, a institución provincial ten outros 5 millóns de euros reservados no seu orzamento para asinar un novo convenio co Concello de Vigo durante o actual exercicio. “Seguiremos financiando proxectos que transformen a cidade nun espazo máis cómodo e amable”, concluíu a vicepresidenta.
