A Deputación investirá máis de 250.000 euros para financiar integramente as obras de mellora da vía municipal entre Carballido e a rúa da Costa, en Moaña
A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou hoxe o concello para anunciar que este mesmo venres se aprobarán estes recursos ao abeiro da liña 1 do Plan +Provincia que destina neste 2025 máis de 1,1 millóns de euros a Moaña
08/05/2025
A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou hoxe Moaña para anunciar que a Deputación de Pontevedra, cun investimento de 253.000 euros, financiará integramente as obras de mellora da vía municipal entre Carballido e a rúa da Costa. Trátanse de recursos da liña 1 do Plan +Provincia que se aprobarán este mesmo venres, tal e como detallou Cachafeiro quen tamén engadiu que neste 2025 Moaña recibe máis de 1,1 millóns de euros ao abeiro deste transformador programa provincial.
Belén Cachafeiro deu conta dos traballos que se realizarán con estes recursos, que permitirán ao Concello de Moaña renovar o firme neste camiño municipal, para así mellorar as características do pavimento adecuándoas ás necesidades funcionais e de durabilidade da vía. En liñas xerais, tal e como detallou a deputada, con estes recursos provinciais vaise realizar unha roza das marxes; recortar, fresar e barrer a superficie; escavar terras e realizar recheos; mellorar a drenaxe de pluviais; executar salvacunetas e unha cuneta de sección triangular; adecuar unha curva; colocar borde nos últimos metros da actuación para protexer fronte a posibles caídas de vehículos e, entre outras moitas actuacións, colocar pavimento asfáltico.
A deputada provincial remarcou que esta actuación "é un exemplo da forma de actuar da Deputación, co municipalismo como bandeira, escoitando aos concellos e dando resposta ás súas necesidades con plans como o +Provincia que nos están a permitir transformar as vilas e pobos, con actuacións transformadoras como a que hoxe anunciamos en Moaña, que modernizan o territorio, melloran a calidade de vida da veciñanza e fan que esta provincia avance como nunca antes fixera".
