O Museo enche de música as Ruínas de San Domingos co piano de Abe Rábade e a voz de Davide Salvado no concerto ‘Gromos’

O compositor estrea en Pontevedra unha parte do seu novo disco ‘Botánica’ que gravará en Madrid o vindeiro mes de xuño

04/05/2022

Concerto Gromos

O Museo de Pontevedra vai encher de música este venres o seu edificio máis antigo, as Ruínas de San Domingos, cun concerto titulado ‘Gromos’ a cargo dunha formación exclusiva liderada Ábe Rábade no piano e a composición, Davide Salvado na voz e percusión, Jimena Andión no cello e Pablo Martín Carnicero no contrabaixo.

Será un recital no que se poderán escoitar coplas e melodías populares relacionadas coa vexetación autóctona de Galicia que funden o rural e o urbano, “un mapa sonoro de especies vexetais que guía ao oínte por un bosque mixto: o jazz contemporáneo, a tradición musical galega e a orquestración colorista”. Trátase de pezas tradicionais e outras orixinais “cun pé na música tradicional galega”, di o compositor.

Cada creación que se tocará en ‘Gromos’ estará dedicada a unha árbore, froita, semente, flor ou conxunto de especies: Freixo, Amor de raíz, Amores de ponla, Maneo do Tempo, Narciso, Castaña, Teixo, Menciñeira núa e Alalá fugado& Carballesa de Duír.

O proxecto ‘Gromos’ supón a estrea da nova parte do próximo disco de Abe Rábade titulado ‘Botánica’, un traballo máis grande e global, que se gravará en Madrid no mes de xuño e que se completará coa parte xa coñecida –presentada en Londres- e centrada no jazz baixo o nome de ‘Seeds’ (sementes).

Na actuación en Pontevedra xuntaranse catro músicos Abe Rábade, Davide Salvado (do mundo da música tradicional), Jimena Andión (do mundo da música clásica), e Pablo Martín Caminero (do mundo do flamenco-jazz) nunha formación exclusiva para o concerto das Ruínas de San Domingos, sen ter bagaxe previo como banda. No novo disco converxerán estas e estes catro intérpretes tocando a parte máis tradicional e étnica do repertorio xunto a outros catro diferentes para a parte máis jazzística de ‘Seeds’.

A asistencia ao concerto do Museo, que será o venres 6 ás nove da noite nas Ruínas de San Domingos, será por entrada libre ata completar capacidade.