A Deputación aproba o proxecto de rehabilitación dos edificios centrais do Museo “nun gran día para Pontevedra”
O vicepresidente César Mosquera subliñou que a reforma “era unha necesidade” e preguntouse porqué o PP, co seu voto negativo, “sempre está en contra de Pontevedra”
19/05/2023
A Deputación de Pontevedra aprobou hoxe en Pleno cos votos a favor do goberno de coalición e os votos en contra do PP o proxecto para rehabilitar os edificios centrais do Museo. Segundo subliñou o vicepresidente César Mosquera, responsable político da institución, “hoxe é un gran día para Pontevedra” porque se consolida a solución para recuperar as construcións orixinais e poñer en valor “o museo máis importante de Galiza con distancia e de entre os cinco máis importantes do Estado en fondos e superficie”.
O vicepresidente destacou que rehabilitar o Museo “era unha necesidade” e manifestou a súa pena por que non se puidera facer antes polos atrancos e complicacións. “Hoxe é un gran día para o Museo. Poñemos as bases para que o centenario no ano 27 poida celebrarse ao grande, con este impulso e o que vai supoñer tamén rehabilitar Santa Clara, para o que en 20 días agardemos teñamos xa seleccionado o proxecto. É un gran avance e temos que felicitarnos por acadalo”, insistiu.
O nacionalista salientou que co trámite da aprobación en Pleno do proxecto (valorado en case 8 millóns de euros) “ponse fin a toda unha situación que non era de recibo en Pontevedra”. Lembrou que durante dez anos se buscaron solucións e que agora o proxecto conta con todas as bendicións “ e debería ir a gusto de todos”. A semana próxima, destacou, aprobarase no Concello a modificación do Peprica e procederase a iniciar a licitación para poder iniciar as obras da rehabilitación no cambio de ano.
Subliñou que vanse recuperar os edificios orixinais e primixenios do Museo cun proxecto aprobado que Patrimonio acepta, e que terá un soto menor do previsto inicialmente pola non necesidade de espazo ao ampliar o Museo en Santa Clara. Salientou que as sedes terán o mesmo aspecto que na actualidade, quitando os paramentos laterais nos que se vai recuperar o branco, por suxestión de Patrimonio, como na Peregrina ou no Principal.
De maneira destacada, Mosquera agradeceu o traballo do ‘staff’ do Museo e da equipa de arquitectura que fixo o proxecto polo seu tesón. A nivel político salientou que “se alguén tiña dúbidas de se esta Deputación ten criterios obxectivos e funciona colaborando e axudando e impulsando proxectos segundo valía e necesidade, con isto queda despexado. Houbo voces que dicían que a Deputación estaba gobernada dende Vigo, que todo ía para Vigo, e isto é unha demostración clarísima de que diso non hai nada. Faise en cada lugar o que se vexa que é necesario e bo”.
Nesta mesma liña se manifestou a presidenta Carmela Silva, quen subliñou estar feliz porque se aprobe o proxecto anunciando o voto non só favorable do seu grupo socialista, senón “con paixón”. “Toda Pontevedra, toda a provincia, toda Galiza debe saber que nunha se xestionou tan ben o Museo. Nunca tantos recursos houbo nin tanta ambición por ampliar e mellorar”, destacou amosando a súa satisfacción e orgullo pola xestión e porque “por fin se pasou da palabrería a estudar seriamente como recuperar os edificios cun fermosísimo proxecto, innovador e novidoso, do que a xente poderá gozar”.
Voto en contra do PP
A aprobación do proxecto de rehabilitación dos edificios centrais do Museo non puido facerse por unanimidade. Na Comisión Informativa celebrada o pasado luns o PP abstívose, mais no Pleno de hoxe o grupo popular votou en contra, sendo a deputada Pepa Pardo quen argumentou a súa posición.
Segundo dixo, “non se comprende a urxencia” de votar a escasos días das eleccións municipais “comprometendo á vindeira Corporación provincial”. Os populares tamén teñen dúbidas de que se poida sacar o proxecto a licitación se logo ten que ser modificado e critican que o importe da actuación inicial se mantén a pesares de facer menos obra.
O vicepresidente provincial César Mosquera foi rotundo nas contestacións á que fixo de portavoz do PP provincial. Salientou que a urxencia pola aprobación vén dada porque a concesión dos tres millóns de euros de fondos do PIREP (a máxima posible) esixe ter xustificada a obra a finais do 2026, polo que se precisan pasar todos os trámites canto antes porque o tempo “vai facer falta” para executar os traballos. Tamén salientou , en relación ao orzamento, que Pardo “debe ser a única deputada que non se enterou da subida dos prezos dos materiais da construción”.
O nacionalista criticou que o PP “ametrallou” co Museo “encasquillándose” nunha posición contraria dende o inicio e agora está “preso” desa situación. Destacou que a postura “é difícil de comprender” e preguntouse porqué os populares, a pesares de que a rehabilitación do Museo é positiva para Pontevedra, sempre están en contra dos intereses da cidade.
Carmela Silva tamén manifestou a súa sorpresa “porque moleste que teñamos recursos para facer cousas por Pontevedra”. Dirixiuse especialmente á deputada Pepa Pardo e, subliñando que é tamén concelleira no Concello de Pontevedra, destacou que “debería estar a aplaudir”.
Tamén ironizou sobre a data da aprobación do proxecto criticada polo grupo popular, e salientou que “non sabía que era impedimento que houbera eleccións para seguir gobernando”, ao tempo que lembrou que a Xunta e as alcaldías estes días non deixan de aprobar moitos proxectos “que favorecen a candidatos do PP”.
