O programa ‘Defensoras de dereitos’ da Deputación acada o recoñecemento da FEMP e da Axencia Española de Cooperación Internacional como boa práctica

Esta iniciativa, desenvolvida en colaboración coa Coordinadora Galega de ONG, sensibiliza e pon en valor as mulleres activistas dos dereitos humanos na América do Sur

28/06/2023

A Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGDs veñen de recibir o recoñecemento do programa ‘Defensoras de dereitos’ como boa práctica de educación para a cidadanía global, pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) dentro da segunda convocatoria destinada a iniciativas postas en marcha por entidades locais españolas. Deste xeito, o programa ‘Defensoras de Dereitos’ resultou unha das preto de 30 iniciativas beneficiarias nesta liña de axudas, na que obtivo unha puntuación de 90 puntos, resultando desde xeito unha das actividades mellor valoradas (unicamente catro dos outros programas acadaron unha puntuación maior).

‘Defensoras de dereitos’, impulsada pola Deputación e a Coordinadora Galega de ONGDs, ten o obxectivo de visibilizar, recoñecer e poñer en valor a loita das mulleres na defensa dos dereitos humanos en países en vías de desenvolvemento da América do Sur. O programa leva tres edicións ás súas costas nas que foron protagonistas mulleres de territorios como Nicaragua, Colombia ou Mesoamérica –a rexión comprendida entre o sur de México e Costa Rica–. Ademais da Deputación e a Coordinadora, tamén participaron nas actividades outras entidades como a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras).

No marco do proxecto realizáronse charlas, unha exposición coa colaboración de comercios dos concellos da Estrada, Gondomar e Pontevedra –dispoñible tamén de forma online–, así como a edición dunha colección de libros para público xuvenil escritos pola xornalista Lara Dopazo que amosan un mosaico de relatos persoais e colectivos onde se pon o foco sobre o imprescindible labor das defensoras dos dereitos humanos e do territorio. O programa tamén incide na necesidade de acadar a igualdade entre mulleres e homes para o desenvolvemento das comunidades locais.