Rafa Domínguez remarca o importante valor da Facultade de Belas Artes para o Museo de Pontevedra na inauguración de “Pregar a pintura”

“Se queremos ser o referente cultural de Galicia, de España e do mundo, debemos sumar sinerxías e tender pontes cunha institución, como é a Universidade de Vigo, da que están a saír as grandes referencias da arte contemporánea”, asegurou o vicepresidente

22/05/2024

Rafa Domínguez inaugura a exposición Pregar a pintura

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de inaugurar no Museo de Pontevedra a exposición “Pregar a pintura”, froito da colaboración entre a institución e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo.  Domínguez remarcou no acto o importante valor que ten a facultade pontevedresa para a institución provincial, asegurando que “se queremos ser o referente cultural de Galicia, de España e do mundo, debemos sumar sinerxías e tender pontes cunha institución, como é a Universidade de Vigo, da que están a saír as grandes referencias da arte contemporánea que son e serán, sen dúbida algunha, parte fundamental do Museo de Pontevedra”.

“Pregar a pintura”, comisariada por Carlos Fer, reúne pezas de 12 estudantes, graduados e doutorandos da Facultade de Belas Artes nas que a pintura supera as dúas dimensións do lenzo. Poderá visitarse ata o 21 de xullo no claustro do Edificio Sarmiento e, segundo Fer, debuxa “un retrato actual da Facultade de Belas Artes de Pontevedra con artistas pertencentes a unha xeración marcada polo dixital que, á súa vez, crean unha arte prófuga do puído das pantallas, fuxitiva do plano do virtual, antagónica ao raso de imaxes coma as do cinema ou a fotografía”.

Os protagonistas de “Pregar a pintura” son Alberto Ardid, Manuel Balsas, Julio Catalán, Sabela Condesa, Isis Huerga, Tatiana Lameiro, Sol Mussa, Andrea Otero, Sara Piñeiro, Cristina Souto, Goa Vázquez e Ruth Vidal. Presentan propostas como as transformación dos  lenzos nas “Celebracións” de Alberto Ardid e o “Bastidor roto” de Manuel Balsas; tamén as reinterpretacións das cartografías e a superficie do territorio nas pezas de Julio Catalán, Isis Huerga, Sol Mussa e Ruth Vidal; o traballo con tecidos de Cristina Souto, Goa Vázquez, Sara Piñeiro e Andrea Otero; e a resignificación da pintura presente, entre outras, nas pezas de Tatiana Lameiro e Sabela Condesa.

Esta nova exposición, tal e como explicou o vicepresidente provincial Rafa Domínguez, continúa a liña de colaboración entre o Museo de Pontevedra e a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, tomando o relevo xa organizadas anteriormente. Á última foi ‘Campo de sementes 2’, que se puido visitar do 23 de novembro de 2023 ao 28 de xaneiro de 2024 no Edificio Castelao.  “Seguiremos colaborando –subliñou Domínguez- sempre, coa Facultade e o seu produtivo sementeiro, agardando con esperanza e ilusión, ano tres anos, os seus froitos”.

Galerias de imaxes