A Deputación lanza a V edición de “Voando nas Rías Baixas” que aumenta a 7 rutas e 175 prazas

As visitas ornitolóxicas, realizadas en colaboración con SEO Birdlife, comezan o 13 de febreiro no Complexo Intermareal Umia-O Grove e rematan en decembro

04/02/2022

Voando nas Rías Baixas

A Deputación de Pontevedra reforza o programa de rutas ornitolóxicas “Voando nas Rías Baixas” e lanza unha quinta edición que amplía de cinco a sete as saídas de observación de aves previstas este ano por enclaves de alto valor ecolóxico da provincia. As condicións sanitarias permiten incrementar o número de integrantes de cada grupo de 15 a 25 persoas, polo que o número total de persoas beneficiarias tamén ascenderá a 175.

“Queremos contribuír á conservación e posta en valor dos recursos naturais da provincia e ao desenvolvemento turístico e económico sostible das zonas de alto valor ecolóxico da provincia”, enxalzou a presidenta Carmela Silva na rolda de prensa, na que cualificou de “enorme éxito” os resultados da iniciativa desde a súa posta en marcha. Teñen participado máis de 400 veciños e veciñas da provincia nos últimos catro exercicios.

O programa desenvólvese en colaboración con SEO Birdlife, cuxo representante, Gustavo Ferreiro, felicitou a Deputación “por seguir apostando polo medio ambiente e por contribuír á conservación por medio da sensibilización da cidadanía. O coñecemento é poder para mudar as cousas”, resumiu antes de detallar o calendario do proxecto. As sete rutas desenvolveranse de febreiro a decembro e nestes momentos xa está aberta a inscrición para a primeira excursión prevista o 13 de febreiro ao Complexo Intermareal Umia-O Grove, a zona húmida máis importante de Galicia e un dos mellores observatorios de aves acuáticas que invernan no noroeste peninsular.

Carmela Silva argumentou que foi “a elevada demanda de anos anteriores, nos que sempre se rexistraba lista de agarda, o que nos animou a incrementar a sete as saídas para podelas espallar máis no tempo”. As condicións sanitarias tamén permitirán ofertar un maior número de prazas que outros anos, ata 175, posto que os grupos reducidos de 15 soben este ano a 25 integrantes.

Guía especializada e material de apoio

As saídas pola provincia de “Voando nas Rías Baixas” están conducidas por persoal experto de SEO Birdlife que axudarán as persoas participantes no recoñecemento das aves. O programa pon á disposición de cada grupo prismáticos de observación e telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves a distancia sen interferir na súa actividade. Tamén se facilita unha Guía de Aves, así como unha relación de paxaros para que cada integrante do grupo elabore a súa lista. A Deputación de Pontevedra é consciente de que a natureza e as paisaxes das Rías Baixas son un recurso turístico de primeiro nivel e a ornitoloxía é unha actividade que atrae un numeroso público nacional e internacional durante todo o ano, feito que contribúe ao obxectivo de desestacionalizar as visitas.

As Rutas

As persoas interesadas aínda están a tempo de inscribirse na primeira ruta do 13 de febreiro á reserva ornitolóxica do Grove. A partir dese momento e de forma progresiva, na web da Deputación habilitaranse os formularios para reservar praza nas vindeiras actividades. A segunda será o día 3 de abril polas Ribeiras do Umia, un itinerario novidoso que inclúe unha zona de auga doce pertencente á Rede Natura. A terceira saída será o 8 de maio ao Monte Aloia, único Parque Natural da provincia de Pontevedra que tamén por primeira vez se suma ao programa “Voando nas Rías Baixas”. A esta saída seguiralle unha cuarta o 19 de xuño ás Brañas de Xestoso, onde as persoas participantes poderán ver aves que migran desde África á Península durante os meses de calor.

O 10 de xullo outro novo grupo de 25 persoas partirá en compañía dunha guía especializada de SEO Birdlife en dirección á Serra do Suído (Cotobade-A Lama-Fornelos-Covelo), zona habitual de observación de aves rapaces. A penúltima ruta será o 6 de novembro na Enseada de San Simón, de novo unha zona húmida con abundantes aves acuáticas e mariñas entre as que destaca o pato asubiador. A quinta edición do programa rematará o 18 de decembro na desembocadura do río Lérez o a zona intermareal Combarro-Lourido (Poio), outra das novidades deste ano que permitirá ás persoas que gozan do birding observar abundantes aves limícolas e mariñas, ardeidos ou anáticas.