Esgotadas en minutos as prazas da segunda ruta de “Voando nas Rías Baixas” que se celebrará o 5 de febreiro pola Foz da Ramallosa, en Nigrán

A Deputación de Pontevedra realiza este programa de saídas ornitolóxicas en colaboración con SEO Birdlife

23/01/2023

En tan só oito minutos esgotáronse este luns as prazas para a segunda das rutas ornitolóxicas deste ano do programa “Voando nas Rías Baixas”, que promove a Deputación de Pontevedra en colaboración con SEO Birdlife e que terá lugar o vindeiro 5 de febreiro pola Foz da Ramallosa, no concello de Nigrán. Amais de cubrirse as 25 prazas, hai tamén unha ampla lista de espera, o que amosa a excepcional acollida que está a ter o programa na súa sexta edición, despois de que tamén se completase a primeira ruta celebrada o 15 de xaneiro no Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Esta segunda saída ornitolóxica transcorrerá pola Foz da Ramallosa, situada entre os concellos de Nigrán e Baiona (A Foz do río Miñor na Ramallosa). Trátase dun espazo protexido pola Rede Natura 2000, de alto valor ecolóxico é moi cómodo para observar aves, non só polo cerca que se poden avistar, senón tamén polo confiadas que se amosan cara o ser humano. Destacan as limícolas (como mazaricos, biluricos, pilros) así como a variedade de gaivotas, diferentes especies de garzas e aves mariñas, como carráns cristados. Tamén é posible ver a aguia pescadora, que se acerca a este esteiro para pescar.

A ruta estará guiada por persoal experto de SEO Birdlife, que axudará ás e os participantes no recoñecemento das aves. Porase a disposición de cada grupo prismáticos de observación e telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves a distancia sen interferir na súa actividade. Tamén se facilita unha Guía de Aves.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 18 resultados.