#MEDIONATURAL

Voando nas Rías Baixas

Rutas ornitolóxicas

A Deputación de Pontevedra vai desenvolver distintas accións de sensibilización da poboación da provincia sobre os nosos recursos culturais e naturais.


A Deputación de Pontevedra vai desenvolver distintas accións de sensibilización da poboación da provincia sobre os nosos recursos culturais e naturais.

A paisaxe e a natureza constitúen un recurso turístico de primeiro nivel no destino Rías Baixas e a ornitoloxía é unha actividade que atrae a un numeroso público nacional e internacional.

Por iso, temos o deber e a responsabilidade de conservar o medio natural, xa que en moitos casos está en perigo, como acontece cun gran número de aves que aniñan, viven e viaxan polo noso territorio.

Na provincia de Pontevedra contamos con importantes emprazamentos nos que observar aves singulares durante as distintas estacións do ano.

Esta actividade ten unha dobre finalidade: concienciar a poboación sobre a conservación dos recursos naturais e achegarlle á cidadanía pontevedresa unha actividade turística diferente.

As afeccionadas e afeccionados á ornitoloxía, as persoas amantes da natureza e todas aquelas interesadas poderán participar nestas rutas coordinadas pola asociación SEO/BirdLife.

Unha vez se lles confirme a praza por correo electrónico ás 25 primeiras persoas da lista, é imprescindible que contesten para confirmar a súa asistencia e indicar o punto de encontro ou para rexeitar a praza antes do mércores anterior á realización da ruta, ás 12 h. Aquelas persoas que non respondan no prazo establecido ou non asistan á ruta serán sancionadas, quedarán automaticamente excluídas do programa “Voando nas Rías Baixas” e non poderán participar en ningunha das outras rutas. Así mesmo, tampouco poderán participar na ruta para a que se lles confirmou a praza. A partir desa data, chamaranse as seguintes persoas da lista de agarda para que confirmen a súa asistencia; estas deberán contestar coa maior brevidade posible

Excursións 2023 para observación de aves:

Complexo Intermareal Umia-O Grove (reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife-O Grove)

Día da actividade: 15.01.2023
Prazo de inscrición: Do 5 (12 h) ao 12 de xaneiro (12 h) - PRAZAS ESGOTADAS

Complexo Intermareal Umia-O Grove (reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife-O Grove)

Situado no noroeste da provincia de Pontevedra nos concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño, Cambados e A Illa de Arousa.

Este espazo está protexido pola Rede Natura 2000 (ZEC e ZEPA), como Zona Húmida de Importancia Internacional, segundo o Convenio Ramsar e como Zona de Especial Interese Comunitario pola importancia da súa biodiversidade. No ano 2014 unha parte do complexo foi declarada reserva ornitolóxica de SEO/BirdLife do Grove, sendo a reserva ornitolóxica máis grande de España, a única de Galicia e a única que conta con medio mariño.

Sen dúbida, é o mellor lugar de Galicia e un dos mellores de España para a observación de aves acuáticas invernantes, tanto pola diversidade coma pola sorprendente cantidade, pois máis de 18.000 acuáticas pasan os meses fríos nesta reserva, onde o cullereiro ten a principal localidade de invernada e de paso migratorio galego.

Tamén son destacables as concentracións de limícolas coma gabitas, virapedras, pilros, píldoras, mazaricos, píllaras, biluricos, distintas especies de parrulos, garzas, gaivotas, carráns ou corvos mariños, que se desprazan a esta reserva desde o norte de Europa para aproveitar a súa riqueza.

A Foz da Ramallosa (Nigrán)

Día da actividade: 05.02.2023
Prazo de inscrición: Do 23 de xaneiro (9 h) ao 1 de febreiro (12 h)- PRAZAS ESGOTADAS

A Foz da Ramallosa

A Foz da Ramallosa é un espazo intermareal que se atopa entre os concellos de Nigrán e Baiona (A Foz do río Miñor na Ramallosa). Está protexido pola Rede Natura 2000, o que demostra os seus valores naturais.

Este espazo de alto valor ecolóxico é moi cómodo para observar aves, non só polo preto que se poden avistar, senón tamén polo confiadas que se mostran cara ao ser humano.

Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros…), variedade de gaivotas, diferentes especies de garzas e aves mariñas, coma carráns cristados.

Tamén é posible ver a aguia pescadora, que se achega a este esteiro para pescar.

 

Ribeiras do Río Umia (Cambados- Ribadumia)

Día da actividade: 09.04.2023
Prazo de inscrición: Do 27 de marzo (9 h) ao 5 de abril (12 h) - PRAZAS ESGOTADAS

Ribeiras do Río Umia (Cambados- Ribadumia)

O Umia é un río fascinante que atravesa a provincia de Pontevedra desde Forcarei ata a ría de Arousa.

Este corredor fluvial, protexido pola Rede Natura 2000 no seu último tramo, ábrese paso entre diversas paisaxes moi atractivas para as aves coma o bosque de ribeira, onde se poden avistar paseriformes, que gustan das árbores de avesedo: a papuxa das amoras, o pimpín común, o ferreiriño subeliño, o ferreiriño… Ademais, o mosaico agrícola que o rodea, con sementeiras de cultivos heteroxéneos, atrae xílgaros, tordos comúns, bubelas, andoriñas comúns e dáuricas, rulas comúns ou lagarteiros comúns.

Augas abaixo discorre entre xunqueiras e carriceiras, vexetación estupenda para especies palustres coma o rascón, a folosa das canaveiras, a carriza dos xuncos, a lavandeira amarela ou o picapeixe. Xa na desembocadura o río Umia achégalle o seu caudal ao rico Espazo Natural Umia-O Grove, creando un fermoso esteiro influenciado polas mareas, idóneo para aves acuáticas coma garzas, limícolas, gaivotas, patos e corvos mariños.

 

Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei)

Día da actividade: 21.05.2023
Prazo de inscrición: Desde o 8 de maio (9 h) - PRAZAS ESGOTADAS

Brañas de Xestoxo - Voando nas Rías Baixas

Este espazo, declarado Zona de Especial Conservación e protexido pola Rede Natura 2000, atópase na zona norte e interior da provincia de Pontevedra, no límite entre os concellos da Estrada, Silleda e Forcarei.

Trátase dunha estupenda representación das serras baixas interiores da provincia de Pontevedra, con diferentes e valiosos ecosistemas coma brañas, prados húmidos, turbeiras, matogueiras baixas, rochedos, carballeiras e a lagoa Sacra de Olives.

Nos meses de primavera estes diferentes ecosistemas son os hábitats ideais para observar e escoitar escribentas amarelas e riscadas, lavercas, tordos charlos, trigueiróns ou especies migratorias procedentes de África, coma os picanzos vermellos, as picas das árbores, o cuco, a bubela...

Así mesmo, é un magnífico lugar para as rapaces, aves tan fermosas coma a tartaraña cincenta, a gatafornela, a aguia cobreira, o miñato abelleiro ou o falcón peregrino, entre outras.

 

Praia da Lanzada (Sanxenxo, O Grove)

Día da actividade: 04.06.2023
Prazo de inscrición: Do 22 (9 h) ao 31 de maio (12 h) - PRAZAS ESGOTADAS

Un dos últimos redutos da nosa provincia onde nidifica a píllara das dunas, ave en perigo que se enfronta a un risco moi alto de extinción.

Nesta praia, usando telescopios e prismáticos e mantendo unha distancia prudencial, mostraránselles ás persoas participantes da xornada os niños protexidos con gaiolas e balizados, e as familias de píllaras cos seus adorables poliños que corrican pola area. Así mesmo, explicaránselles os problemas cos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos nosos areais.

 

Esteiro do río Miño (A Guarda

Día da actividade: 08.10.2023
Prazo de inscrición: Do 25 de setembro (9 h) ao 4 de outubro (12 h)- PRAZAS ESGOTADAS

Esteiro do río Miño

Espazo situado ao sur da provincia de Pontevedra, concretamente no concello de A Guarda, lindando con Portugal, e protexido pola Rede Natura 2000.

A desembocadura do río Miño forma uns dos esteiros intermareais con gran diversidade de hábitats que atraen infinidade de aves.

No inverno e nos pasos migratorios poderemos desfrutar tanto de aves acuáticas coma mariñas, rapaces ou paxariños palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras.

Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros, avefrías…) variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos e mergullóns, ademais de aves mariñas, coma carráns cristados.

Tamén é posible ver aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, á que se pode observar pescando.

 

Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa)

Día da actividade: 26.11.2023
Prazo de inscrición: Do 13 (9 h) ao 22 de novembro (12 h)- PRAZAS ESGOTADAS

Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa)

Situada no máis profundo da ría de Vigo, destaca a espectacular enseada de San Simón, onde a influencia das mareas propicia nesta paisaxe intermareal a invernada e o paso migratorio no outono e na primavera de interesantes aves acuáticas e mariñas, ademais de paseriformes dos contornos arbóreos, de aí que sexa un espazo protexido pola Rede Natura 2000.

Ademais do parrulo asubiador (que ten en San Simón un dos mellores lugares de invernada de Galicia), é posible observar outros anátidos atractivos. Resaltan tamén limícolas coma o bilurico das rochas, a píldora cincenta, o bilurico patirrubio e o claro, o pilro común e o tridáctilo, o mazarico real… e ardeidos coma a garza real, a garzota común, gaivotas varias, corvos mariños e paxariños coma o vistoso picapeixe.

 

 

Recomendacións, material e asistencia

  • A roupa debe ser cómoda e de abrigo nos meses fríos, e o calzado apropiado para moverse polo campo
  • As excursións contarán con 2 guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife de Pontevedra con experiencia e coñecementos contrastados
  • Ao ser unha actividade sensible de avistamento de fauna na natureza os grupos non deben ser moi numerosos, o máximo de prazas ofertado será de 25 persoas
  • Material óptico: cada participante terá á súa disposición prismáticos de observación de aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas
  • Material didáctico: entregaráselle unha guía de aves a cada participante na excursión
  • Recoméndase que as persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo acudan con eles. Tamén é recomendable levar una pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo
  • A actividade inclúe un autobús dende o punto de encontro ata a zona de realización da actividade
  • Os menores de idade deberán ir acompañados dun adulto
  • As nenas e nenos menores de 7 anos só poderán asistir baixo a responsabilidade dos seus titores legais e non ocuparan praza no autobús.
  • Infórmate no teléfono 886210725, Servizo de Medio Ambiente, en horario de 8:00 h a 15:00, de luns a venres ou enviando un correo a medioambiente@depo.gal
  • Todas as solicitudes presentadas fora do prazo de inscrición de cada actividade non serán tidas en conta
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 24 resultados.

ODS NOS QUE TEN IMPACTO