Xornada
Somos Ponte
“Coidar da auga, facer comunidade”
27 de novembro no Salón de Plenos do Pazo Provincial, Pontevedra
"Somos ponte" é un programa de sensibilización que a Coordinadora Galega de ONGD leva a cabo en colaboración coa Deputación de Pontevedra desde o ano 2023. O seu obxectivo é poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento, evidenciando as conexións que existen entre a nosa provincia e o sur global, así como o papel da Deputación en diversos proxectos de cooperación en países coma Mozambique, O Salvador, Guatemala ou Honduras, entre outros.
A terceira edición deste programa arrancou o pasado mes de outubro coa conversa aberta "Cando a cooperación sanda", e este mes de novembro propón unha segunda cita: "Coidar da auga, facer comunidade".
Unha xornada que comezará coa estrea en Galicia do documental Abuela agua, do xornalista Alberto Pla, no que Juventina López, defensora de dereitos e líder da comunidade maia Mam (Guatemala), é unha das protagonistas. Estará presente nun coloquio no que poderemos saber máis sobre a experiencia da súa comunidade arredor do coidado da auga, no que tamén achegarán o seu testemuño veciñas e veciños da provincia vinculados a experiencias inspiradoras e exemplares de coidado comunitario da auga: Bienvenido Pérez, fundador das traídas comunitarias de Sobrada (Tomiño) e María del Carmen González, usuaria da traída comunitaria de Chan do Monte (Vilaboa). A estas persoas sumarase Ángeles Santos, investigadora do patrimonio e arquitecta,quen achegará unha perspectiva da auga desde a cultura.
Falaremos da auga como dereito e como ben, pero tamén como medio para fortalecer o colectivo ou como ben cultural, e, arredor desta cuestión, descubriremos que é o que conecta a veciñanza de Pontevedra coa guatemalteca de Champerico.
A xornada rematará coa participación da Asociación de Comunidades de Augas, COXAPO, e da ONGD Enxeñería Sen Fronteiras, que explicarán como, a través da cooperación, Pontevedra impulsa o coidado da auga en Honduras, pero tamén aquí, vinculando de novo o global e o local.
"Coidar da auga, facer comunidade" servirá como encontro entre a cooperación ao desenvolvemento e o tecido asociativo da provincia, e tamén como unha excelente oportunidade para coñecer persoas e experiencias inspiradoras de Pontevedra e do sur global relacionadas coa xestión comunitaria da auga e con sistemas sostibles de participación cidadá.
Programa
- 16:30 h Benvida a cargo da deputada de Benestar Social e Igualdade, Paula Bouzós Barros. Presentación da xornada e dos relatorios.
- 16:45 h Estrea de Abuela agua e coloquio posterior con Juventina López, defensora de dereitos da comunidade maia Mam e coprotagonista do documental, e Lara Medín, responsable de proxectos de cooperación en Arquitectura Sen Fronteiras.
- 17:45 h Pausa para seguir a conversa, coñecernos entre todas as persoas asistentes e tecer rede arredor dun bo café de comercio xusto, da man de Solidariedade Internacional.
- 18:30 h Coloquio con protagonistas de experiencias inspiradoras vinculadas á xestión colectiva da auga e ao fortalecemento comunitario na provincia de Pontevedra: Bienvenido Pérez, María del Carmen González, Juventina López e Ángeles Santos.
- 19:00 h Coñeceremos a experiencia de cooperación entre COXAPO e Enxeñería Sen Fronteiras: "O dereito á auga como motor de cambio social en Pontevedra e en Honduras".
- 19:30 h Peche da sesión.
Por cuestión de capacidade do espazo, prégase confirmar previamente a asistencia nesta ligazón.