17 MAIO

1989

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Celso Emilio Ferreiro Míguez

“Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.

Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa. (...)”

Longa noite de pedra (1962)

Celso Emilio Ferreiro Míguez

(Celanova, 1912 – Vigo, 1979)

Foi un escritor, procurador, político, corrector de estilo e dinamizador cultural. Participou na constitución da Federación de Mocedades Galeguistas e da UPG, e foi candidato ao Senado polo Partido Socialista Galego. Colaborou en diversas publicacións ao longo da súa vida, coma Finisterre, Vieros e Faro de Vigo. Dirixiu a colección de poesía Salnés, da Editorial Galaxia, e tomou parte nas retransmisión radiofónicas Galician Programme que realizou a BBC sobre Galicia.

GRANDES ÉXITOS

1962

Longa noite de pedra

Longa noite de pedra (1962) é unha obra poética de grande éxito con numerosas edicións e traducións. Ten a súa orixe no encarceramento que sofre o autor en 1937 e xira arredor da falta de liberdade, da solidariedade, do amor pola lingua, da esperanza e da situación social imperante daquela en Galicia.

Viaxe ao país dos ananos (1968) é un libro de poemas no que se critica de xeito satírico a emigración galega en Venezuela. A súa aparición foi recibida con certa polémica por parte da colectividade emigrante.

Viaxe ao país dos ananos

1968

Outras obras

O soño sulagado (1955) e Onde o mundo se chama Celanova (1975)

“Foi a figura máis representativa dunha poesía aceda e directa que serviu de guía a unha boa parte dos poetas galegos dos anos setenta. Ferreiro consagrou a recuperación do realismo social na literatura galega do seu tempo.”

Historia da literatura galega (1984), Francisco Fernández del Riego