17 MAIO

1993

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Eduardo Blanco Amor

“-¿E qué máis feitos quer, señor? Os feitos son ístes, un por un e tal coma socederon. O romate diles foi porque outras cousas foron pasando denantes. Se non tiveran pasado, o romate sería doutro xeito do que foi. Porque a verdade é que cada cousa que faciamos non era das que se fan decote nas esmorgas, que ao fin todas son cousas de adiversión e trastadas que teñen remedio... Nós íamolas facendo de tal xeito coma si as fixeramos sen darnos conta, ao menos polo tocantes a min, pra que logo no tivesen remedio, coma quen vai fechando portas tras de sí e guindando coas chaves, coma pra non querer voltar, tal coma si adrede camiñáramos á nosa pirdición.”

A esmorga (1959)

Eduardo Blanco Amor

(Ourense, 1897 – Vigo, 1979)

Foi un poeta, novelista, dramaturgo, tradutor, fotógrafo e xornalista galego. Comezou en 1915 traballando en El Diario de Orense e en 1919 emigrou á Arxentina, onde participou no desenvolvemento cultural da colectividade emigrante. Dirixiu El Despertar Gallego e foi correspondente en España para o xornal arxentino La Nación, ademais de colaborar asiduamente en varias publicacións coma Céltiga, Correo de Galicia ou Nós. En 1972 ingresou na Real Academia Galega.

GRANDES ÉXITOS

1959

A esmorga

A esmorga (1959), publicada en Bos Aires para fuxir da censura, é unha novela clave na renovación da narrativa moderna en galego. Unha noite de troula desmedida e a súa confesión conforman unha trama onde a denuncia social, o humor, o tremendismo ou a aparición do tema homosexual artellan unha innovadora narración na forma e no contido que non chegaría a publicarse en Galicia ata 1970.

Os biosbardos (1962) é un conxunto de relatos ambientados en Auria, o seu Ourense literario, que están narrados desde unha perspectiva infantil na que as e os personaxes descobren a vida que comeza.

Os biosbardos

1962

Outras obras

Romances galegos (1928), Xente ao lonxe (1972) e Farsas para títeres (1973)

“Era  o escritor ourensán,  ademais  de xornalista, poeta, narrador e autor teatral, animado home de conversa. Gostou sempre de frecuentar as tertulias literarias. Nelas facía gala do seu recoñecido inxenio. Fachendeaba ás veces, da súa condición de intelectual autodidacta.”

Eduardo Blanco Amor. Escolma de textos, Francisco Fernández del Riego, publicacións da Real Academia Galega (1993)