17 MAIO

1966

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Francisco Añón

“De teus recordos vivo ¡Galicia encantadora!
Por teus anacos morro, idolatrado chan,
Onde voou sorrindo d’a miña infancia a aurora,
Onde as mais caras prendas que o corazón adora,
O derradeiro sono en paz dormindo están!...
(...)”

“Serán famosas vilas as que hoje ves aldeas...
A Grana, Ferrol, Muros e Vigo encantador,
D’a órela d’o teu manto magníficas preseas,
Serán mais visitados de embarcacions alleas
D’o que hoje son Lisboa, Marsella e Nova-York.”

“A Galicia” (1887)

Francisco Añón

(Outes, 1812 – Madrid, 1878)

Foi un poeta e xornalista galego que escribiu a súa obra en galego, portugués e castelán. Ten un estilo e unha temática variados nos que se mesturan poemas humorísticos, satíricos, himnos ou composicións nos que en moitos casos Galicia e os seus costumes son o tema principal. Está considerado un dos precursores do Rexurdimento. Tanto é así que Curros Enríquez o chamaba “o vello mestre”, e escolleuno como o personaxe de guía para o seu libro O divino sainete.

GRANDES ÉXITOS

1889

Poesías gallegas y castellanas -

A obra de Francisco Añón atopábase espallada por diversos xornais e non foi ata despois do seu falecemento que saíu compilada nun só libro. En 1878 sae publicada polo xornal La Concordia de Vigo unha primeira escolma baixo o título Poesía varia, que seguiría ampliándose en posteriores edicións con novas achegas da súa familia. Biblioteca Gallega edítaa en 1889 co título Poesías gallegas y castellanas.

Outras obras

En 1861 Francisco Añón participou nos I Xogos Florais de Galicia, organizados na Coruña, co poema “A Galicia” (“Ay esperta, adorada Galicia”), que resultou ser a única composición en galego premiada.

“E niste aspeito, é ben craro que Añón enxamáis deixa de matinar e soñar, con amor enfebrecido, na terra natal. A radical rebeldía do seu esprito, a peleriñante bohemia do eterno desterrado, levano decote por vieros alonxados do país de orixe.”

Francisco Fernández del Riego sobre Francisco Añón no discurso de entrada na Real Academia Galega (1960)