A Deputación de Pontevedra asinará un convenio co Concello de Mos por valor de 712.500 euros para a remodelación das avenidas de Puxeiros e do Rebullón
Luis López explicou que a actuación abrangue tramos das estradas provinciais EP-2604 Puxeiros-E.P. Meixoeiro-CUVI e EP-2603 Puxeiros-Peinador onde se crearán “espazos públicos de calidade e contornas más humanas e seguras”
30/05/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno o convenio co Concello de Mos valorado en 712.500 euros para a remodelación das avenidas de Puxeiros e do Rebullón, así como da rotonda dos Bois. Luis López explicou que a actuación abrangue tramos das estradas provinciais EP-2604 Puxeiros-E.P. Meixoeiro-CUVI e da EP-2603 Puxeiros-Peinador onde se crearán “espazos públicos de calidade e contornas máis humanas e seguras”.
O convenio será financiado ao 60% pola Deputación de Pontevedra, que achegará 427.500 euros, e ao 40% polo Concello de Mos, que destinará 285.000 euros. O obxectivo da actuación é aumentar a superficie peonil da avenida de Puxeiros e da avenida do Rebullón, creando beirarrúas no trazado, con illas de vexetación e arborado, que mellorarán as condicións de accesibilidade.
Ademais, vaise ampliar a calzada ata os 7,5 metros para garantir unha maior seguridade para as persoas e dobraranse os carrís nas inmediacións da rotonda dos Bois para mellorar a fluidez do tráfico. A actuación completarase co soterramento das redes de alumeado público e de telefonía e coa instalación dunha nova rede de pluviais.