A Deputación ilumina de azul e rosa o Pazo provincial para dar visibilidade á dor polas perdas xestacionais, neonatais e perinatais

A institución provincial súmase á iniciativa da asociación Bolboretas no Ceo con motivo do Día mundial da dor xestacional, neonatal e perinatal, que ten lugar o 15 de outubro

13/10/2025

A Deputación de Pontevedra tinguirá de azul e rosa o Pazo provincial desde as 20:30 horas deste mércores 15 de outubro ata ás 7:30 horas da mañá do xoves 16 con motivo do Día Mundial da Dor Xestacional, Neonatal e Perinatal. A institución provincial súmase así á iniciativa promovida pola asociación Bolboretas no Ceo, que ten por obxectivo que entidades de toda a provincia apoien as súas reivindicacións coa iluminación de edificios ou monumentos significativos de cada vila, dando deste xeito visibilidade ás familias que pasan por esta situación.

A morte xestacional refírese á perda do bebé no útero materno despois da semana 20 de xestación, a perinatal desde as 28 semanas ata os 7 días de vida e a neonatal desde o nacemento ata 28 días despois. Desde os colectivos, e tamén a propia Organización Mundial da Saúde, sinalan que non existen protocolos hospitalarios unificados para a atención sanitaria destas mortes e que falta formación no persoal sobre como informar desta noticia aos pais. Tampouco existen rexistros oficiais destes falecementos, polo que se fala de que entre 80.000 e 90.000 mulleres perden os seus bebés nestas situacións, pero na realidade as cifras poderían ser maiores. En España, desde agosto do 2024 estes bebés deben ser inscritos no Rexistro Civil, tendo, deste xeito, as familias unha constancia oficial dos seus nomes.