A Deputación ofrece aos concellos un servizo de asesoría para mellorar a ‘ciclabilidade’ dos seus espazos públicos

O departamento de Mobilidade quere potenciar a conectividade dos núcleos urbanos con zonas de vivendas diseminadas situadas a menos de 1,5 quilómetros

02/06/2022

Día da bicicleta

Fomentar a mobilidade activa tanto a pé como en bicicleta é un dos obxectivos da Rede Ágora de Concellos Polo Espazo Público. Por iso, e co gallo da celebración do Día Mundial da Bicicleta que se conmemora mañá 3 de xuño, o departamento de Mobilidade da Deputación vén de anunciar aos concellos da provincia a posta en marcha dun servizo de asesoramento para mellorar a ‘ciclabilidade’ dos espazos públicos municipais e a súa conectividade.

O novo servizo, segundo explica o deputado Uxío Benítez, será similar ao que nestes momentos está a disposición dos gobernos locais para recuperar espazo público para as persoas: persoal técnico provincial analizará os proxectos municipais de reforma e mellora de prazas, rúas e outras zonas co fin de achegar propostas ou correccións, así como  ideas para que os novos espazos públicos cumpran os principios e a filosofía Ágora. A equipa a disposición para fomentar a ‘ciclabilidade’ dos concellos tamén contará con persoal técnico específico que estará centrado en permitir que o espazo público non só sexa para as persoas –o principal-, senón tamén –e en concreto- compatible co uso da bicicleta.

Nestes momentos a Deputación ten nas súas mans varios estudos sobre a ciclabilidade da provincia. Todos eles amosan moitas eivas para a circulación en bicicleta sobre todo nas conexións entre os núcleos urbanos e as zonas máis diseminadas próximas a estas: no continuo rururbano da provincia de Pontevedra a maior parte das estradas son travesías que deberían ter características máis amables para garantir unha maior seguranza viaria para o tránsito a dúas rodas.

Dende o departamento de Mobilidade da Deputación quérese deixar claro que hai diferencias entre falar dun espazo ‘ciclable’, que ten a propiedade de ser usado por parte de bicicletas, fronte a falar de ‘infraestruturas ciclistas’. Descata o deputado Benítez que nas vilas de menos de 50.000 habitantes “falar de carrís-bici non debe ser a solución máis acaída para fomentar o uso da bicicleta”, senón que é preciso que todas as intervencións dos concellos no espazo público deben encamiñarse facer benvido o uso da bicicleta, fomentando a mobilidade activa non só a pé.

“De igual xeito que entendemos que unha cadeira de rodas nos axuda a movernos cando temos un problema de mobilidade, un carriño de bebé axuda a carrexar as crianzas, ou un carro da compra axuda para transportar vultos, tamén a bicicleta tamén pode servir ás persoas para salvar o obstáculo que hai no modelo de asentamento da provincia que é a baixa densidade”, apunta o deputado.

Neste sentido, o nacionalista asegura que seguramente no centro das vilas da provincia non sexa necesaria a bicicleta, porque non hai distancias tan grandes que salvar, pero asegura que a realidade é que menos do 50% da poboación reside nun núcleo urbano propiamente dito ( de máis de 500 habitantes). Ao mesmo tempo os datos reflexan que hai un 30% de poboación da provincia que reside a menos dun quilómetro e medio deses núcleos urbanos, e a día de hoxe é impensable para esa poboación polas  características do espazo público vaia andando ata o centro. Hai exemplos en calquera vila: a veciñanza que vive a 1,5 quilómetros do Mercado de Abastos ou do Concello non se plantexa ir andando.

Para evitar o uso do coche, e ante as mencionadas reticencias para ir a pé ata segundo que zonas, quérese potenciar a bicicleta. A intención é salvar as dificultades actuais e facer dispoñible o espazo público, con vías ou camiños municipais que permitan que se poida utilizar a bici, unha alternativa que moitas persoas usarían para determinadas accións diarias e na fin de semana, pero “sobre todo para crianzas e adolescentes”.

“Pensamos que é unha aposta sensata. É unha obriga urbanística buscar a mellor conexión urbano-rural”, asegura Benítez, que insiste na diferencia de ter que facer unha senda ciclista á beira dunha estrada, falar dun paseo marítimo ou unha senda fluvial, ou falar dun espazo público ou de rúas peonís que conecten os espazos periurbanos cos centros das vilas.

Neste sentido, e ante a necesidade de realizar proxectos de mellora da ciclabilidade, dende o departamento de Mobilidade ínstase aos concellos a estudar con calma os aspectos sociolóxicos dos barrios e as contornas nas que se vai actuar. “Os proxectos desta natureza teñen que ver máis con decisións como onde imos colocar os coches que teñen que estacionar, onde é imprescindible que entre calquera coche, onde imos poñer sentido único, como imos resolver un ámbito no que se toca unha estrada provincial. Iso precisa tempo e empezar a traballar e este, o actual, é un momento moi bo. De aquí a un ano poderanse ter proxectos, pero antes é preciso onde hai que actuar, como se quere facer, que imos conectar e quen vai beneficiar”, asegura.

Forman parte da Rede Ágora e poderán dispor do servizo de asesoramento da ciclabilidade os concellos de Poio, Barro, A Lama, Ponte Caldelas e Cerdedo Cotobade na comarca de Pontevedra; Caldas, Valga, Catoira, Moraña, Portas e Cuntis na comarca de Caldas; Marín, Vilaboa, Bueu e Moaña, Vilagarcía, Sanxenxo, O Grove, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño e Meis no Salnés; Mos, O Porriño, Salceda de Caselas, Soutomaior, Pazos de Borbén, Baiona, Fornelos de Montes, Nigrán, e Gondomar na área de Vigo; Tomiño, O Rosal, Tui, A Guarda e Oia no Baixo Miño; Ponteareas, As Neves, Mondariz, Salvaterra, Arbo, Covelo, A Cañiza, e Crecente no Condado; e Silleda e Vila de Cruces, e tamén Lalín, A Estrada, e Forcarei no Deza-Tabeirós.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.