A Deputación de Pontevedra apoia a Gold River Race

11/05/2022

O xardín do Palacete das Mendoza acolleu hoxe a presentación da segunda edición da Gold River Race, a competición de piragüismo de estilo ultramaratón que se atopa entre as máis largas do mundo e que xa está a converterse nun referente internacional. A proba, dun total de 100 quilómetros, arrancará o día 13 en Lugo e tralo seu paso por Ourense o sábado 14, terá como protagonista á provincia de Pontevedra na súa terceira e última etapa o domingo 15 de maio. A Deputación de Pontevedra, no marco da súa liña de apoio aos grandes eventos deportivos, volve patrocinar esta proba, que na provincia terá como escenarios os concellos de Crecente, Arbo, As Neves e Salvaterra, no que concluirá. No acto de presentación, o deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, destacou que “Pontevedra é a provincia do piragüismo, somos referente mundial cos e coas mellores representantes” e subliñou a colaboración entre administracións públicas e empresas privadas para impulsar eventos  como a Gold River Race, “e achegalos aos concellos, desestacionalizando deste xeito o deporte”. “Temos unha clara aposta polo turismo deportivo, un dos piares fundamentais da nosa provincia, e imos seguir facéndoo”, engadiu o deputado, quen subliñou que a Deputación apoia cada ano preto de 400 eventos deportivos, unha cifra que xa se está a recuperar trala pandemia.

No acto, conducido por Manuel Seoane, secretario xeral da Gold River Race, interviñeron tamén o presidente do Comité Organizador, Francisco García Bobadilla; Pablo Louro, representante de Gadisa; José Luis Ramírez Matos, director  da zona de Abanca en Pontevedra; Daniel Benavides, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Pontevedra e representante do Xacobeo 2021-22 e  Alfredo Bea, presidente de la Federación Galega de Piragüismo. Amais, estiveron presentes representantes municipais dos concellos polos que pasa a competición.