Luis López destaca o apoio ao Campionato de Europa de Ciclocrós como exemplo da aposta da Deputación polos grandes eventos deportivos

O mandatario provincial escoitou as necesidades formuladas polo presidente da entidade europea, Enrico della Casa, e amosou a vontade de colaboración da Deputación

18/03/2024

Luis López na  reunión de traballo do campionato

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, amosou o compromiso e o apoio do Goberno provincial coa organización do Campionato de Europa de Ciclocrós, que terá lugar na cidade de Pontevedra os días 2 e 3 de novembro, nunha reunión de traballo co presidente da Unión Europea de Ciclismo, Enrico della Casa, na que tamén participaron o secretario xeral da Real Federación Española de Ciclismo, Alejandro Martín, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, así como os vicepresidentes da Deputación, Rafa Domínguez e Luisa Sánchez.

Durante o encontro, Luis López escoitou as necesidades do organismo continental para garantir o éxito da competición e destacou a importancia que ten o deporte e a organización de eventos deportivos de alto nivel, coma este Europeo, para promover Pontevedra e a provincia como destino de referencia para o turismo asociado ao deporte. Do mesmo xeito, o mandatario provincial confirmou o apoio económico e loxístico da Deputación para os labores organizativos.

O fomento do deporte é una liña estratéxica para a Deputación, que, ademais de elevar a partida orzamentaria desta área nun 16 % ata os 5,5 millóns de euros, promove a organización de eventos de especial relevancia coma os partidos da selección nacional de fútbol feminino ou dos combinados nacionais de balonmán masculino e feminino na provincia, así como a etapa final do Gran Camiño ou o regreso de La Vuelta a España este verán pola provincia.

Galerias de imagenes