A vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, exemplifica no Torneo de Minibasket a importante aposta do Club Baloncesto Baiona polo deporte base

20/03/2024

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe xunto co alcalde de Baiona e deputado provincial, Jesús Vázquez Almuíña, na presentación da XV edición do Torneo de Minibasket que se disputará esta fin de semana nesta localidade pontevedresa. Será o venres 22 de marzo cando comece a competición co tradicional concurso de tiro por parellas, para continuar o sábado coa fase de grupos e terminar o domingo coas eliminatorias e coas finais por categorías.

Na súa intervención, a vicepresidenta provincial quixo destacar a importante contribución do Club Baloncesto Baiona, representado polo seu director deportivo, David Castiñeiras, ao deporte base, ao que se referiu como “un dos eixes estratéxicos sobre os que pivota a política deportiva da Deputación de Pontevedra”. No caso da entidade baionesa, Sánchez quixo exemplificalo en iniciativas coma as escolas deportivas municipais de baloncesto, o torneo de verán 3x3, o Campus CB Baiona e, particularmente, no Torneo de Minibasket.

A vicepresidenta felicitou ao CB Baiona por esta aposta e polos éxitos colleitados no deporte federado, e instou as e os cazadores de talentos deportivos a non perder de vista as e os 450 baloncestistas alevíns que participarán neste torneo.