A Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella iniciar o tratamento contra o mildio ante a aparición das primeiras manchas

Nestes momentos, debido ao escaso desenvolvemento da vexetación, o tratamento debe ser aplicado con pistola para evitar perdas do caldo fitosanitario e reducir o volume aplicado

26/04/2022

​​​​​​​
 

Na revisión semanal que o persoal técnico da Estación Fitopatolóxica Areeiro realiza ás viñas da provincia téñense detectado xa as primeiras manchas de mildio nas comarcas do Rosal e do Salnés. Por estes motivos o centro dependente da Deputación de Pontevedra acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella iniciar xa o tratamento contra a enfermidade ante a aparición das manchas.

Nestes momentos, debido ao escaso desenvolvemento da vexetación nas viñas, a Estación Fitopatolóxica Areeiro recomenda aplicar o tratamento contra o mildio con pistola, para evitar perdas do caldo fitosanitario e reducir o volume aplicado. Tamén recorda que os produtos que se soen empregar ao inicio da campaña se utilicen nos momentos de claros, entre dous períodos de precipitación e sempre que dea tempo a secar a viña e que teña pasado polo menos unha hora entre a intervención do produto e as novas choivas.

As primeiras manchas de mildio deste ano na provincia, detectadas en dúas parcelas do Rosal e tamén na comarca do Salnés, probablemente apareceron a consecuencia de temperaturas nocturnas máis elevadas das previstas, en especial a das noites do 24 e 25 de abril, con mínimas nos 11ºC. Este feito, unido á elevada humidade ambiental, xera, segundo indica a Estación Fitopatolóxica Areeiro no seu aviso, as condicións axeitadas para a infección.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 9 resultados.