Luis López destaca os 5,4M€ mobilizados pola Deputación nos sete concellos da área de Pontevedra para executar proxectos estratéxicos que revitalizarán o espazo público
O presidente provincial resume nun encontro en Ponte Caldelas diante de alcaldes de seis concellos da contorna os proxectos que está a financiar a Deputación a través do primeiro Plan Extra, do que se benefician os 59 concellos de menos de 50.000 habitantes
16/12/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta os 4,7 millóns de euros mobilizados este ano a través do Plan Provincia Extraordinaria Plan Extra nos seis concellos da área de Pontevedra. O mandatario provincial dá continuidade da Praza dos Paraugas de Ponte Caldelas a serie de encontros comarcais iniciada en Moraña, con paradas no Porriño, A Guarda, Cangas do Morrazo e Mondariz; para facer balance dos proxectos postos en marcha ao abeiro da primeira convocatoria deste novidoso programa que, dotado con 38M€ de euros de orzamento, atendeu o 100 % das solicitudes presentadas beneficiando aos 59 concellos de menos 50.000 habitantes da provincia. "Este proxecto é moito máis ca un simple plan extraordinario de investimentos nos concellos. É un proxecto de provincia no que os concellos achegan as ideas e a Deputación, os recursos para executalas, moitas delas ao 100 %", definiu Luis López a vocación dun plan que xa ten en marcha a súa segunda convocatoria, que volveu ser un éxito absoluto de concorrencia.
Diante de rexedores, concelleiros e representantes do tecido veciñal e asociativo destes sete concellos —Ponte Caldelas, A Lama, Barro, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Poio e Vilaboa— da contorna de Pontevedra, o presidente da Deputación puxo o foco no carácter estratéxico e transformador dos seis proxectos que se están a executar xa ao abeiro deste Plan Extra, do papel da Deputación para financiar a maior parte das obras, o 100 % nalgúns casos; e na lealdade institucional do executivo provincial para respectar a autonomía dos gobernos municipais á hora de decidir os proxectos a desenvolver. "Co Plan Extra a autonomía dos concellos acada unha nova dimensión ao dotar á Deputación das ferramentas necesarias para facer realidade esa obra tan necesaria e que tantos anos estaba agardando a súa oportunidade nun caixón. Falamos dun proxecto global para os 59 concellos pequenos e medianos, pero todos extraordinarios; que nós convertemos en estratéxico para unha provincia extraordinaria", afirmou López.
Entre os proxectos beneficiarios das subvencións deste Plan Extra nesta zona está o da recuperación e posta en valor do patrimonio termal de Ponte Caldelas para poñer á disposición da veciñanza un novo espazo público a través da achega do organismo provincial de 700.000 euros para un proxecto valorado en 1,5 millóns de euros. Así mesmo, o Concello de Cerdedo-Cotobade recibe a achega de case 590.000€ para o proxecto de recuperación do espazo para uso peonil no núcleo de Arrotea, en Almofrei, valorado nun total de 730.000 euros. Nestes dous casos, son os gobernos locais de Ponte Caldelas e Cerdedo-Cotobade os que completan o orzamento ben botando man de fondos propios, ben con recursos doutras institucións porque na Deputación "premiamos a capacidade dos gobernos locais para conseguir recursos doutras administración, sen ningún tipo de cláusula que os penalicen", puntualizou López.
O +Provincia complementa os investimentos
Sen embargo, noutros casos é a Deputación a que achega o 100% dos investimentos. "A posibilidade de combinar os fondos dos plans +Provincia é do Plan Extra é unha mostra desa flexibilidade e autonomía que propoñemos desde a Deputación e á que recorreron moitos rexedores para financiar as súas obras", puntualizou Luis López antes entrar ao detalle dos proxectos impulsados a través dun mecanismo ao que se acolleron tamén os concellos da Lama para mellorar a accesibilidade á contorna da igrexa de San Salvador por un importe de 590.000 euros, a mellora dos accesos a Barosa no Concello de Barro cun desembolso de 430.000 euros, en Campo Lameiro a achega de 530.000 euros permitirá executar o proxecto de humanización do Camiño Agrelo, cunha inxección de fondos provinciais de 725.000 euros executarase en Poio a mellor do acceso peonil a Combarro desde o núcleo de Casalvito e en Vilaboa levarase a cabo a humanización da contorna da casa consistorial por 990.000 euros.
En suma, a primeira convocatoria do Plan Extra da Deputación serviu para mobilizar un total de 5,4 millóns de euros nos seis concellos das comarcas de Pontevedra, dos que o organismo provincial achega 4,5 millóns. Un revulsivo que terá continuidade o vindeiro ano, porque a segunda convocatoria do Plan Extra vén de pechar recentemente o prazo de presentación de solicitudes e supuxo novamente un completo éxito de participación. "Unha nova demostración da cantidade de proxectos ambiciosos e creativos que os concellos teñen preparados para executar en canto teñen a oportunidade", dixo López, quen adiantou que no caso destes concellos inclúen un conxunto de sete propostas que suman un investimento total de 4,95M€ que se atopan xa en fase de valoración.
Compromiso cos concellos
A colaboración da Deputación cos concellos pequenos e medianos da provincia resulta crucial para executar proxectos estratéxicos que teñen o obxectivo de mellorar as infraestruturas e os servizos para mellorar a calidade de vida da veciñanza que vive nestes municipios, moitos deles enclavados en contornas rurais e afectados polo reto demográfico. Con todo, a achega do organismo que preside Luis López non se limita unicamente á execución deste tipo de proxectos, tamén promove a actividade cultural, social ou turística a través de iniciativas de todo tipo.
"Ponte Caldelas representa á perfección o enorme potencial do interior e da riqueza termal da provincia, dúas das grandes bandeiras dun destino turístico que desde a Deputación estamos a fomentar tanto a través de investimentos directos como con campañas turísticas pioneiras que están levar por todo o mundo o interior da provincia e concellos como Ponte Caldelas, pioneiro ao ser o primeiro en acadar unha bandeira azul para unha praia fluvial", sinalou o presidente provincial, quen lembrou tamén os 128 millóns de euros que mobilizará a Deputación o vindeiro ano a través dos plans de cooperacións nos concellos da provincia. "Esta é unha provincia de 61 concellos cos que estamos comprometidos en todo, con toda a forza da que dispoñemos", concluíu o presidente Luis López.
