Luis López anuncia que a Deputación acaba de conseguir financiamento europeo para impulsar cinco novos proxectos que mobilizarán 10,6 M€

O organismo captou preto de 1,8 M€ de Europa e achegará máis de 600.000 € de fondos propios para poñer en marcha iniciativas de eficiencia enerxética, envellecemento activo, protección dos castiñeiros e de promoción dos territorios transfronteirizos e do patrimonio marítimo

05/12/2025

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de anunciar que o organismo provincial acaba de conseguir financiamento europeo para impulsar cinco novos proxectos que mobilizarán 10,6 millóns de euros. Ao detalle, o organismo destinará 2,4 millóns de euros dos cales captou preto de 1,8 millóns de euros dos fondos POCTEP e do Programa de Espazo Atlántico 2021-2027 e achegará máis de 600.000 euros de fondos propios para poñer en marcha iniciativas de eficiencia enerxética, envellecemento activo, protección dos castiñeiros e de promoción dos territorios transfronteirizos e do patrimonio marítimo.

"Ter conseguido 1,8 millóns de euros de fondos europeos fala moito e ben do apoio comunitario á Administración Local, aos lazos con Portugal e tamén do traballo que aquí se realiza para captar recursos en beneficio da provincia de Pontevedra", remarcou o presidente quen detallou que a Deputación participará en Smart Building-COOP, un proxecto de eficiencia enerxética en edificios públicos, valorado en case 2,5 millóns de euros; tamén  en Activa Rural Transfronteirizo, unha iniciativa de promoción do envellecemento activo nas rexións transfronterizas por importe de 5 millóns de euros.

Ademais, o organismo provincial impulsará Chesnut Care, unha estratexia de protección dos castiñeiros ante os desafíos climáticos que está valorada en 930.000 €; en EcoFront Minho, de promoción sustentable de espazos próximos á fronteirza, por case un millón de euros; e en Awaves, de posta en valor do patrimonio marítimo e inmaterial, valorado en 1,7 millóns de euros.

Visit Rio Minho Plus

No marco do proxecto europeo Visit Rio Minho Plus, financiado ao 75% con fondos FEDER, a Xunta de Goberno aprobou un convenio cos concellos de Arbo, A Cañiza, A Guarda, Mondariz-Balneario, O Porriño, O Rosal, Salvaterra de Miño, Tomiño e Tui, por case 80.000 euros, para facilitar o acceso das persoas con discapacidade aos seus atractivos turísticos.

Con estes recursos, os concellos poderán adquirir audioguías adaptadas e descargables e impresoras braille; instalar dispositivos para mellorar a accesibilidade auditiva como bucles magnéticos de indución; ou mellorar, adaptar e instalar sinalización accesible.

videos

audios