Luis López salienta a “valiosa oportunidade” que representa o enoturismo para construír un destino internacional, desestacionalizado e descentralizado

O presidente da Deputación, acompañado pola deputada Nava Castro e a directora de Turismo, Romina Fernández; clausura na bodega Lagar de Pintos de Ribadumia o encontro nacional sobre enoturismo organizado por Segittur

17/07/2025

Clausura do encontro nacional sobre enoturismo organizado por Segittur

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta a "valiosa oportunidade" que representa o enoturismo para avanzar na estratexia do organismo provincial de "internacionalización, desestacionalización e descentralización do destino turístico Rías Baixas". Fíxoo no Encontro Nacional sobre Enoturismo organizado este xoves na bodega Lagar de Pintos, en Ribadumia, por Segittur (Sociedade Mercantil Estatal para a Xestión da Innovación e as Tecnoloxías Turísticas), no que tamén participou a deputada de Turismo, Nava Castro; e a directora de Turismo da Deputación, Romina Fernández. "Deseñamos unha estratexia que pasa por promocionar as riquezas e atractivos dos 61 concellos da provincia, que teñen, de norte a sur e desde a costa ao interior, no enoturismo unha das súas grandes bazas", afirmou o presidente para clausurar esta xornada.

O acto serviu para formalizar a creación dun grupo de traballo relacionado co enoturismo intelixente para a xestión deste sector de xeito sustentable e baseado en datos. Unha iniciativa que afrontará desafíos como a diversificación da oferta, a cooperación entre todo o ecosistema de destinos enoturísticos nacionais, o impulso da dixitalización do sector e potenciar a actividade económica a través dun mellor coñecemento do mercado. Ademais, a orde do día da xornada contou cunha radiografía actual do sector do enoturismo en España, o estudo dun caso de uso do enoturismo, unha mesa redonda para pasar da teoría a acción en destinos enoturísticos e unha conferencia sobre o modelo ontolóxico aplicado a este sector.

"O enoturismo é un dos valores en alza do turismo nas Rías Baixas. Traballamos para poñer en valor conxuntamente os nosos excelentes y recoñecidos viños e o seu aproveitamento como recurso turístico", sinalou a deputada Nava Castro, quen se encargou de dar a benvida aos máis de trinta representantes do sector que se deron cita neste encontro en Ribadumia. Neste punto afondou a directora de Turismo, Romina Fernández, ao salientar que na nova estratexia de turismo da Deputación, "o enoturismo foi sinalado entre os cinco produtos turísticos máis importantes polo sector e a nosa denominación de orixe Rías Baixas, como unha das nosas fortalezas". Por outro lado, o presidente de Segittur, Enrique Martínez, destacou que entre as accións que levará a cabo o grupo de traballo cabe destacar a identificación de fontes de datos, a estandarización dunha metodoloxía de recollida de datos,

Neste sentido, o presidente da Deputación remarcou o carácter estratéxico que ten para a Deputación o enoturismo, unha proba disto está na celebración deste encontro nas Rías Baixas. "Escoller esta provincia de para a organización dun encontro nacional sobre enoturismo non é arbitrario. Somos un territorio que produce un viño de gran calidade e prestixio, que ve no sector vitivinícola unha fortaleza para impulsar a economía e, por excelencia, un territorio acolledor, atractivo e amigo do turista", incidiu Luis López.

Un destino como as Rías Baixas, "que cada ano recibe un maior número de visitantes", o enoturismo estase a destapar coma un dos maiores atractivos do sector. "As Rías Baixas son un paraíso. Un paraíso natural, un paraíso cultural e, por suposto, un paraíso gastronómico e enolóxico. Os visitantes queren ás Rías Baixas e nas Rías Baixas queremos os visitantes. Para eles temos deseñado un amplísimo catálogo de experiencias de calidade que xiran arredor do enoturismo", explicou citando propostas coma a Ruta do Viño Rías Baixas, catas no Castelo de Soutomaior, concertos de música ao aire libre coa posibilidade de degustar viños ou festas de interese internacional coma a Festa do Albariño de Cambados.

Propostas que teñen como denominador común a descentralización e desestacionalización do turismo para repartir as visitas por todos os concellos da provincia ao longo de todas estacións do ano. "A sustentabilidade do noso medio natural e asegurar a calidade de vida da nosa poboación marcan o noso rumbo e con ese obxectivo puxemos en marcha unha nova estratexia de turismo, que pasa por promocionar os 61 concellos", concluíu o presidente provincial antes de reiterar o agradecemento a Segittur e á bodega Lagar de Pintos pola celebración deste evento, así como reafirmar o comprimiso da Deputación co sector do enoturismo da provincia. "Convidamos a todo o mundo a descubrir os tesouros das Rías Baixas, un deles sérvese en copas de cristal", rematou Luis López. 

Galerias de imagenes

audios

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.