Luis López remitiralle ao Concello de Vigo un protocolo conxunto de colaboración institucional para impulsar a candidatura da cidade ao Mundial de 2030

O presidente provincial recalca o apoio do Goberno provincial ás aspiracións da cidade e propón a creación dun marco de colaboración institucional entre as administracións participantes “fluída e regulamentada” para acadar o obxectivo

08/03/2024

Conferencia de prensa de Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres que lle remitirá ao Concello de Vigo un protocolo de colaboración conxunto para conseguir que o estadio de Balaídos sexa sede do Mundial de Fútbol do ano 2030, que se desenvolverá en España, Portugal e Marrocos. "Entramos en momentos importantes para decidir o futuro da candidatura e, desde logo, a Deputación quere facer todo canto estea na súa man para que Vigo sexa sede mundialista en 2030. Agardamos, polo tanto, que todos esteamos á altura do reto", recalcou o mandatario provincial.

Unha semana despois de avanzar a vontade da Deputación para apoiar a candidatura en todo o que estea na súa man, o Goberno provincial dá un paso cara adiante co envío dunha proposta ao Concello de Vigo que busca recalcar o compromiso para que Vigo poida cumprir as esixencias da FIFA, establecer un marco de colaboración institucional entre as administracións participantes, "fluída e regulamentada", e reflectir a obriga do Concello de remitir toda a documentación imprescindible sobre as reformas adicionais precisas.

A aposta firme da Deputación de Pontevedra para facer de Balaídos unha das sedes do Mundial de 2030, un dos eventos deportivos máis importantes a nivel global, reflicte o compromiso do Goberno provincial para traer á provincia competicións do máis alto nivel.

videos

audios