Luis López anuncia a creación dos premios de Boas Prácticas en Igualdade para distinguir proxectos que reduzan as fendas de xénero e loiten contra a violencia machista

O presidente da Deputación desvelou este venres esta nova iniciativa que repartirá 16.000 euros entre catro categorías: social, cultural, deportiva e educativa

01/03/2024

Luis López

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou este venres, na conferencia de prensa posterior á Xunta de Goberno de cada venres, a creación dun novo galardón para fomentar a igualdade entre mulleres e homes na provincia de Pontevedra. Trátase dos premios de Boas Prácticas en Igualdade da Deputación de Pontevedra, unha convocatoria dotada con 16.000 euros que premiará as mellores iniciativas, de persoas físicas ou entidades sociais, nos eidos da cultura, do deporte, da educación ou do medio social. O mandatario provincial explicou a finalidade desde nova acción provincial pola igualdade: "uns premios para distinguir proxectos que reduzan a discriminación, favorezan a igualdade ou contribúan a eliminar a violencia machista".

A persoa gañadora de cada categoría recibirá unha gratificación de 3.000 euros e concederase tamén un accésit en cada unha delas dotado con 1.000 euros. Do mesmo xeito, o xurado do certame reserva a posibilidade de realizar dúas mencións honoríficas, sen contía económica, para recoñecer a traxectoria inapelable a prol da igualdade de persoas e entidades da provincia de Pontevedra. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir da publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

Coa creación deste novo certame, Luis López quixo deixar claro que a igualdade é unha prioridade para o Goberno provincial. "Esta Deputación non vai dar ningún paso atrás en igualdade, pero si vai abrir portas para que moita máis xente, de todos os eidos sociais, se implique e se vexa reflectida no labor desta institución", aseverou o presidente provincial. Neste sentido, puntualizou tamén que "non somos revisionistas, velaí están os programas que se manteñen, coma Aquí Faltan Páxinas ou o apoio a unha nova edición de As Mulleres que Opinan". E, do mesmo xeito, subliñou que, "sen ser revisionistas, non imos renunciar a unha visión da igualdade ampla, aberta e cómplice. Como un espazo de encontro no que todos cabemos, sen fronteiras ideolóxicas", concluíu.

Unha filosofía, indicou Luis López, "que orienta toda a programación do 8 de marzo", Día Internacional da Muller, e arredor do cal a Deputación presentou este xoves unha ampla e variada programación.

videos

audios