A Deputación e o Concello de Pontevedra convocan a segunda edición dos premios #MulleresQueOpinan para promover o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres

Outorgaranse dous premios de 1.000 euros aos mellores artigos en galego e castelán sobre as temáticas que se aborden no encontro, que terá lugar os días 15 e 16 de marzo, e que, ademais, se publicarán nos principais xornais da provincia de Pontevedra

11/03/2024

A cinco días de que comece a sétima edición do foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas, que terá lugar os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra, a Deputación e o Concello de Pontevedra acaban de publicar as bases da segunda edición dos Premios #MulleresQueOpinan, que buscan promover o exercicio da opinión xornalística por parte de mulleres profesionais do xornalismo e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras. Premiaranse con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se aborden no encontro, que, ademais, se publicarán nos principais xornais da provincia de Pontevedra.

Poderán presentarse aos Premios #MulleresQueOpinan artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadora ou asistente (de maneira virtual ou presencial) e tamén sobre calquera tema que se trate no congreso, tanto nos relatorios coma nas roldas de preguntas. O único requisito é que co propio texto quede acreditada a asistencia ao foro e que se inspire neste para escribir opinión.

Os artigos presentados, que deben ser orixinais, deben contar cun titular e cun corpo dunha extensión máxima de 3.000 caracteres (sen contar os espazos). Estes poden ser tanto inéditos coma de xornalistas que cubran as xornadas do foro e publiquen os seus textos nos medios que traballan. As bases xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes, que deberán facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación, será do 18 de marzo ao 8 de abril.

Foro As Mulleres que Opinan

As Mulleres que Opinan son Perigosas desenvolverase este ano entre os días 15 e 16 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra e contará con relatoras de gran prestixio no sector do xornalismo e da comunicación coma Olga Viza, Lucía Méndez ou Mariola Cubels. Os actos comezarán o venres 15 en horario de mañá coa inauguración do foro e os dous primeiros relatorios, e continuará pola tarde con outras catro conferencias. O programa seguirá o sábado 16 con tres novas charlas a partir das 12 horas e concluirá pola tarde, despois doutras tres conferencias ás que lle porá o ramo Olga Viza cunha intervención sobre a información deportiva desde un punto de vista feminino.