A Deputación leva a rapazada de Cerdedo-Cotobade e Salvaterra de Miño a desfrutar da neve a través do programa Explora Manzaneda

Explora Manzaneda busca que a mocidade da provincia de Pontevedra viva experiencias de convivencia, deporte e aprendizaxe no medio natural

04/02/2026

explora Manzaneda

Un total de 40 rapazas e rapaces de Cerdedo-Cotobade e Salvaterra de Miño participan esta semana en Explora Manzaneda, o novo programa da Deputación de Pontevedra deseñado para promover actividades xuvenís de lecer e de tempo libre mediante a ensinanza e o fomento de prácticas deportivas de inverno. O alumnado do IES de Cotobade e do IES de Salvaterra de Miño asistirá á única estación de montaña coa que conta Galicia desde este mércores 4 ata a tarde do venres 6 de febreiro.

A través de Explora Manzaneda, destinado aos centros de ensino público con educación secundaria situados nos concellos de reto demográfico da provincia, a Deputación ofrece unha experiencia única de convivencia e de aprendizaxe no medio natural que contribúe á formación integral da mocidade pontevedresa a través do deporte, a natureza e o respecto pola contorna.

Tanto o alumnado como os docentes acompañantes gozan de aloxamento en réxime de pensión completa nun establecemento da zona, cunha subvención de 160 euros por persoa que inclúen o desprazamento de ida e volta en autobús, o aloxamento e pensión completa, así como un curso de iniciación ao esquí con todo o equipo e materiais necesarios (casco, esquís, fixacións, botas e bastóns), forfait (remontes mecánicos na estación), acceso á piscina cuberta climatizada, atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes.

Galerias de imagenes