Leo Oitavén, do CEIP Cordo Boullosa, representará a Galicia en Pequenos Xigantes da Lectura tras gañar a final autonómica celebrada na sede viguesa da Deputación

O estudante de Ponte Caldelas participará na final nacional durante a Feira do Libro de Madrid, onde se decidirá quen sucede á redondelana Candela Fernández como campioa nacional

05/02/2026

Leo Oitavén, alumno de 4º de Primaria do CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, representará a Galicia na final nacional da cuarta edición do programa pedagóxico Pequenos Xigantes da Lectura, que terá lugar en xuño na Feira do Libro de Madrid.

Leo proclamouse campión autonómico no evento que se celebrou este xoves na sede que a Deputación de Pontevedra ten no Casco Vello de Vigo. Resultou elixido entre os e as doce estudantes que participaron na final galega, pertencentes ao CPR San Fermín de Vigo, o Colexio Vigo de Redondela e o CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas.

Nun acto que se desenvolveu na Sala Rosalía de Castro, cada escolar leu en voz alta un fragmento dun libro e foi valorado por un xurado composto polo director da Editorial Xerais, Francisco Alonso, o director da Editorial Elvira, Javier Romero e Sandra Senra, da librería viguesa Libros para Soñar. Os criterios de valoración foron a claridade e a fluidez na lectura, a capacidade para manter a atención do público e a transmisión de significado e de emocións.

Leo erixiuse en campión galego coa lectura de ‘Historia de un punto’, de Juan José Jurado, e acadou o pase á final nacional que se celebrará en xuño en Madrid, no marco da Feira do Libro. Alí, ao igual que outros dez representantes autonómicos, subirá ao escenario acompañado polo autor do libro que escolleu para ler. Deste xeito, toma o relevo de Candela Fernández, a nena de Chapela que o ano pasado representou a Galicia e acabou proclamándose campioa absoluta coa obra en galego ‘Caramomia’.

Na apertura da final autonómica, a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, salientou “o amor pola lectura dos participantes, o valor de subirse a un escenario cun libro entre as mans e a beleza de compartir unha historia en voz alta”. Igualmente, quixo enviar unha mensaxe a todo o alumnado que se implicou neste programa pedagóxico: “Pase o que pase, xa gañastes. Lestes, practicastes, superastes os nervios, escollestes historias que vos emocionan… Iso é exactamente o que fan os grandes lectores e lectoras”, indicou.

Pequenos Xigantes da Lectura e un proxecto que promove a lectura en voz alta entre o alumnado de Primaria e xa mobilizou en España a máis de 20.000 participantes de 300 colexios. Tal e como destacou Luisa Sánchez, aínda que a iniciativa naceu en Francia, “ten un acento moi noso, moi galego e moi potente” despois da pegada deixada por Candela Fernández.

Galerias de imagenes