A Deputación abre unha grande exposición no Museo de Pontevedra para celebrar a obra dos fotógrafos do século XIX na cidade
“Debuxar coa luz”, que se inaugura mañá venres, mostra a través dunhas 300 fotografías orixinais e máis dun cento de obxectos da época como profesionais e afeccionados á fotografía construíron a memoria visual de Pontevedra
18/12/2025
Os fotógrafos profesionais e afeccionados que traballaron entre 1843 e 1900 en Pontevedra construíron a través dos retratos e da fotografía urbana a memoria visual da cidade. Esta é a tese da que parte a exposición "Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX", que se inaugura mañá no Museo de Pontevedra e hoxe presentou o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acompañado da directora do Museo, Ángeles Tilve, e das comisarias, as conservadoras do Museo Cristina Echave Durán e Reis Camiña Castro.
A mostra inaugúrase este venres 19 de decembro ás 19:00 horas e poderase visitar no Edificio Castelao ata o 5 de abril. Compóñena arredor de 300 fotografías, a maioría orixinais do XIX, e máis dun cento de obxectos e mobiliario compoñen esta gran mostra que celebra o traballo dos pioneiros da fotografía, nun arco temporal de seis décadas que nos leva do daguerrotipo á revisa ilustrada, pasando pola "carte de visite", a crónica urbana e a fotografía científica e patrimonial.
O vicepresidente Rafa Domínguez chamou a todos os pontevedreses e pontevedresas a visitar a mostra: "se ti es de Pontevedra tes que vir ver esta exposición porque vas coñecer unha vertente diferente da nosa cidade, tanto arquitectónica como social", e tamén agradeceu o compromiso das traballadoras e traballadores do Museo, que fai posible esta mostra. Pola súa parte, Ángeles Tilve sinalou que a exposición é un traballo desenvolvido desde o Museo, que "non é só un lugar de exhibición e detrás dos proxectos sempre hai un traballo de investigación". Ademais, explicou que "o Museo foi pioneiro en darlle importancia á fotografía, non só como elemento documental senón como creación artística en si".
A mostra dedica especial atención a dous aspectos predominantes na fotografía do XIX: o retrato e a fotografía urbana, prestando atención tamén a outros aspectos como o uso documental e científico da fotografía e a irrupción das revistas ilustradas. É salientable que o groso da mostra está formada por fotografías orixinais do XIX, apoiadas puntualmente con ampliacións e reproducións actuais.
Nos seus inicios, a fotografía estivo intimamente ligada ao retrato. Os fotógrafos tomaron o relevo dos pintores miniaturistas, facilitando o acceso da sociedade a dispoñer dos seus propios retratos. Na mostra exhíbense exemplos destacados dos procesos fotográficos máis antigos: daguerrotipos, ambrotipos, talbotipos, panotipos e ferrotipos. Entre eles destacan rarezas dalgúns dos pioneiros da fotografía en Galicia, como o único retrato feito en Pontevedra coñecido de Andrés Cisneros, ou a única fotografía da que é autor Manuel Ricaud, ata agora nunca exhibidas.
A popularización do retrato mediante a "carte de visite" deu paso a unha maior presenza de fotógrafos en Pontevedra a partir da década de 1870. A exposición recolle o auxe dos pintores-fotógrafos, que combinaban ambas dedicacións, a aparición dos fotógrafos transeúntes, a incorporación da fotografía á vida doméstica e o establecemento dos estudios fotográficos, con exemplos na mostra de Patricio Bocconi, Francisco Prieto, Juan Caramés e, especialmente, Francisco Zagala, entre outros. Tamén das primeiras mulleres fotógrafas: a viúva de Bocconi e Generosa Carballo, a primeira pontevedresa coñecida que se dedicou a esta exposición, da que se mostran por primeira vez as dúas únicas fotos que se sabe que son da súa autoría.
Un dos espazos máis sorprendentes da exposición é a recreación dun estudio fotográfico da época, reconstruíndo o ambiente luminoso con paredes de vidro para ter luz natural, con fondos, obxectos e outros elementos do século XIX, nos que destacan varias pezas orixinais do estudio de Francisco Zagala, entre elas a súa cámara. Tamén se dedica un espazo independente aos retratos post mortem, moi frecuentes entón, especialmente as fotografías de nenos falecidos.
A cidade retratada
Outra parte fundamental da exposición é a dedicada á fotografía da cidade e a súa contorna. Á importancia intrínseca destas imaxes únese o seu valor documental, que nos permite ver hoxe como se foi transformando o espazo urbano. Na mostra atopamos a imaxe fotográfica máis antiga que se coñece de Pontevedra: unha foto da praza de Tetuán tomada arredor de 1859. Tamén moitas imaxes tomadas por Francisco Zagala, moitas delas para as súas series e álbums, cos que contribuíu a crear a imaxe turística da cidade. Complétase coa obra doutros fotógrafos, moitos deles afeccionados, e outros viaxeiros, como o francés Hubert Vaffier.
O uso da fotografía na ciencia e no estudo do patrimonio tamén ten o seu espazo na exposición. A Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra utilizouna como ferramenta de documentación e divulgación de monumentos e achados. No ámbito médico, profesionais coma os doutores Cobián Areal e Celestino Poza incorporaron a fotografía como instrumento de observación, diagnóstico e ensino.
Por último, recóllese na mostra o impacto que nas últimas décadas do século tivo a prensa ilustrada local. As publicacións e revistas periódicas comezaron a incorporar imaxes, o que reforzou a función informativa e documental da fotografía. Neste terreo sobresae Enrique Labarta, pioneiro en Galicia non só por introducir a fotografía nas súas publicacións, senón tamén por ser o primeiro en empregalas con fins publicitarios.
Programa complementario
A partir do 15 de xaneiro, o equipo de Educación do Museo ofrecerá visitas guiadas todos os xoves ás 18:00 horas. Nos tres meses e medio no que estará aberta a exposición, realizaranse actividades para públicos diversos. Os obradoiros de Nadal, que se desenvolverán nos días non lectivos deste período vacacional, tomará como punto de partida para explorar a creatividade infantil a partir da estética do século XIX.
En febreiro e marzo desenvolverase un obradoiro de colaxes animadas, dirixido a público de calquera idade a partir de 8 anos, que partirá das fotografías antigas para realizar pequenas animacións coa técnica do "stop motion". Por último, no mes de marzo celebrarase unha xornada sobre arquivos gráficos e museos, con conferencias sobre a adquisición, conservación e difusión de arquivos gráficos desde os museos.
